Musigal 2020 levará a música galega en galego a 58 concellos de Pontevedra

Pontevedra
08 de febreiro 2020

Entre as 21 formacións musicais que foron solicitadas polos concellos, os grupos que contarán cun maior número de eventos son Óscar Ibáñez & Tribo, Sés e Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, posto que estes tres grupos actuarán en cinco concellos diferentes

Musigal na Onda 2019 Mónica Patxot

Un total de 58 concellos da provincia de Pontevedra recibirán este ano concertos da man do programa Musigal 2020, que ten como obxecto contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos municipios de menos de 50.000 habitantes e fomentar a defensa da igualdade e favorecer a programación artística en toda a provincia.

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno as actuacións autorizadas para esta edición. ACeptáronse as actuacións dos 58 concellos solicitantes, polo que o custo total para o ente provincial ascende a 614.045,25 euros.

Este investimento supón unha ampliación en relación cos 600.000 euros que se proxectaran nun primeiro momento. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, explicou que foi preciso aumentar o presuposto en 14.000 euros porque "non podiamos deixar a ningún concello sen actuación". Finalmente, cada concello ten dereito a unha única actuación de grupos profesionais galegos.

O concerto encargado de abrir a programación do Musigal 2020' correrá a cargo de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e terá lugar o 10 de abril no concello das Neves, mentres que a última cita será o 20 de decembro en Portas, con Andrea Pousa.

A maioría das actuacións terán lugar no verán, xa que en xullo hai programados 20 eventos e en agosto, 17. Polo demais, en abril haberá dúas citas e en maio catro. Tanto en xuño como en setembro terán lugar seis concertos e, finalmente, haberá unha actuación en outubro, outra en novembro e a última en decembro.

Entre as 21 formacións musicais que foron solicitadas polos concellos, os grupos que contarán cun maior número de eventos son Óscar Ibáñez & Tribo, Sés e Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, posto que estes tres grupos actuarán en cinco concellos diferentes. Todos os grupos que actuarán con 'Musigal 2020' están enmarcados nas seguintes categorías: 'Son Muller', 'Son Crianza', 'Son tradición', 'Son Clásico' e 'Son Actual'.