A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas denunciou este martes a convocatoria dunha "becerrada popular" na praza de touros de Pontevedra.
Está prevista para o sábado 4 de xullo e con acceso condicionado a unha invitación, que en anos anteriores repartíanse na mesma porta do coso.
Os abolicionistas sinalan que estas actividades taurinas son dunha "extrema violencia, onde touros ou vacas de até dous anos, crías, son torturadas até a morte por afeccionados sen competencias reais en materia taurina, o que engade crueldade a todo o evento".
A pesar de que o cartel promocional prohibe o acceso de persoas menores de 12 anos, como fixa a Lei de Espectáculos de Galicia, desde este colectivo aseguran que "os preadolescentes e adolescentes poderían presenciar todo o acto, onde estes bóvidos evidencian mostras de sufrimento e dor, contribuíndo a insensibilizarlos".
A plataforma tamén cuestiona as condicións nas que se desenvolve tradicionalmente esta actividade, ao sinalar que adoita existir consumo de alcol durante a xornada.
Neste sentido, vincula a celebración da becerrada co actual debate institucional sobre as medidas de prevención do consumo de bebidas alcohólicas entre os mozos, tanto a nivel estatal como autonómico.
Como parte dos seus argumentos, o colectivo lembra ademais o recente posicionamento do Comité dos Dereitos do Neno de Nacións Unidas, que instou a España a avanzar cara á prohibición do acceso e participación de menores en actividades taurinas, unha recomendación que, segundo destacan, interpela igualmente ás comunidades autónomas con competencias na materia.
A organización animalista pediu ás administracións competentes que valoren estes factores antes de resolver a autorización do festexo, ao considerar que conflúen cuestións relacionadas co benestar animal, a protección da infancia e a seguridade en eventos públicos.