Nadadora, ante o seu regreso á música: "Estabamos todos no precipicio esperando que alguén nos dixera 'xa' para saltar"

O Salnés
26 de setembro 2025

Doce anos despois da súa separación, nun momento vital diferente para todos eles, os do Grove volven xuntarse. Fano cunha maior madurez creativa e a mesma identidade sonora

Edu Romero e Daniel Abalo, membros de Nadadora, en Pontevedra
Edu Romero e Daniel Abalo, membros de Nadadora, en Pontevedra / Cristina Saiz

Cando, alá por 2013, Nadadora decidiu separarse miles de fans quedaron orfos. Doce anos despois, nun momento vital diferente para todos eles, os do Grove volven xuntarse. Fano para gravar un novo álbum e quizá, quen sabe, para moito máis.

Sara Atán (voz e guitarra), Gonzalo Abalo (voz e guitarra), Edu Romero (baixo), Daniel Abalo (batería) e Montxo Couselo (teclados) están de volta. Regresan cunha maior madurez creativa, a mesma identidade sonora e con ganas de expandirse a terreos aínda por explorar.

Antes do lanzamento deste disco, que sairá antes de finais de ano, PontevedraViva fala con dous dos seus integrantes sobre que poderá esperar o público deste ansiado regreso. Prometen novas cancións que capturan a esencia do que sempre foi Nadadora.

Doce anos de silencio musical. Por que decidides volver agora?

Edu: Volvemos porque, en realidade, nunca marchamos. Este regreso é algo lóxico e esperable por parte dunha xente que no seu momento tivo que deixalo por circunstancias da vida. Agora púxose todo un pouco máis de cara e saíu esa pulsión que tiñamos aí dentro.

Dani: Esas ganas nunca se foron. A vida non nos permitiu seguir e agora cambiaron as cousas, tamén ao redor da industria musical. Pódense facer as cousas doutra forma e con outros tempos. Ou igual somos nós os que temos outros tempos.

É un reencontro puntual ou volvestes para quedar?

Dani: Saíu todo como moi orgánico. Gonzalo empezou a dicir que tiña temas e aos poucos foise sumando todo. Tiñamos moitas ganas de volver aos escenarios, de gravar e de tocar xuntos. Foi moito máis que un reencontro.

Edu: E tampouco expuxemos que empece a ser agora a nosa primeira actividade a nivel laboral. Xogamos sempre na liga dos profesionais, pero para nós é un hobby profesionalizado. Cando é a túa prioridade fas outro tipo de formulacións.

O que queremos agora mesmo é gravar unhas cancións. É o único que fixemos. Ninguén está a pensar a futuro. Agora mesmo o que necesitabamos era gravar un disco e déronse as circunstancias para poder facelo. Estamos nese proceso.

Nadadora
NadadoraVíctor Garrido

E custouvos convencer a alguén para afrontar este regreso?

Dani: Ao revés. Estabamos todos no precipicio xa para saltar.

Edu: É un proxecto no que hai un líder claro, que é Gonzalo. Si el dixera hai sete anos que se gravase este disco, tentaríamolo. Non houbo que convencer a ninguén.

Dani: A nós limitáronnos as circunstancias vitais, non había falta de ganas. Por iso creo que calquera do cinco tiraríase á piscina.

Edu: Cando o deixamos, non podiamos non deixalo. Non foi que estivésemos ata os narices do grupo. Encantábanos o que faciamos. Pasabámolo xenial e á xente gustáballe. Agora, queriámonos tirar todos ao precipicio. Estabamos a esperar que alguén nos dixese 'xa' para saltar.

O feito de que cada un de vós esteades en lugares diferentes non vos complicou o traballo para ensaiar ou para gravar o disco?

Dani: Foi fascinante. Fixemos gran parte do traballo cada un na súa casa. Falabamos todo o intre e compartiamos cousas, pero de forma remota. Custounos atopar cousas que nun ensaio sairían máis rápido, pero achegounos moita calma e poder velo todo en perspectiva.

Edu: Nunca o fixéramos así. Encantoume. Ao ensaiar no local estás pendente do que fas ti. Desta forma, escoitas o que fan os demais e permíteste o luxo de valorar. Constrúese a canción doutra maneira. É moito máis visual e máis enriquecedor.

Iso permitiuvos, dalgunha maneira, unha maior liberdade creativa?

Edu: Para min, de longo, este disco ten as liñas de baixo que máis me gustaron. A ningún lle dedicara tanto tempo. Pero non tempo en horas, senón en pensalas. En ver o que fan os demais para ver que fago eu. Sobre todo, en escoitar a batería con calma.

Dani: É marabilloso pero, ao mesmo tempo, tamén é tremendamente perigoso porque o proceso pode non acabar nunca. Eu nunca creei tantos patróns diferentes para unha canción na miña vida. Cambiaban a canción por completo e non sabía por onde tirar.

Edu: Creo que todos estivemos especialmente contentos co que fixemos e a todos encaixounos moi ben o puzzle. A nivel ensaios foi tamén moi especial.

Edu Romero y Daniel Abalo, miembros de Nadadora, en Pontevedra
Edu Romero e Daniel Abalo, membros de Nadadora, en PontevedraCristina Saiz

Regresades nun momento no que a música cambiou por completo. Agora foméntase moito a inmediatez, o sacar cancións todo o tempo. Como encaixa Nadadora neste ambiente?

Edu: A min dáme exactamente igual a industria. Volver era unha necesidade propia, individual e colectiva, de Nadadora. Nós o que queriamos era gravar estas cancións. O resto non me importa. Dáme igual como a xente consome agora a música.

Confío en que como eramos un grupo así máis intimista e melancólico, que non todo o mundo accedía a el, pois que os que nos escoitaban hai quince anos póidannos seguir escoitando agora. Se hai alguén novo, bárbaro. Pero a min non me importan os cambios na industria.

Dani: Gravamos estas cancións e estamos orgullosos do resultado. En ningún momento nos paramos a pensar no que ía dicir a xente. Si é certo que, unha vez que as sacas, queres que gusten e pensas en, como ti dis, se encaixarán. É algo que se verá.

Neste novo comezo a alma de Nadadora segue intacta. O público que vos escoitaba antes vaivos a recoñecer de inmediato ou quixestes experimentar con novos sons?

Edu: Somos os mesmos e seguimos tendo os mesmos referentes. Maduramos moito a nivel persoal todos e iso vaise a notar na nosa música. Pero estamos na mesma onda na que estabamos con quince anos máis. Si creo que nos van a identificar cando nos escoiten.

Dani: Neste momento vital noso tampouco perseguiamos facer algo diferente. O que queriamos era gozar facendo isto. Hai xente á que lle gusta reinventarse e buscar camiños totalmente diferentes. Nós experimentamos con certas cousas pero a esencia é a mesma.

Nadadora, grabando su nuevo disco
Nadadora, gravando o seu novo discoMaría López

E cando o disco estea na rúa, haberá xira? Apetécevos pisar os escenarios?

Dani: Apetécenos un montón. Aínda non temos nada pechado, pero temos moitas ganas. Neste quince anos nunca se me foron as ganas de subir a un escenario. Sentíaas cada vez que ía a un concerto. Agora espero que as nosas vidas axuden a que poida pasar.

Edu: Deixámolo pola vida. E as nosas vidas seguen sendo iguais, pero máis complicadas. Si xa nos custaba ante saír de xira... Esa tolemia segue estando aí, pero todos temos agora familia. Ganas, evidentemente, sóbrannos. Pero entendo que será algo súper exclusivo e súper puntual.

Agora, as bandas galegas están a traspasar fronteiras. Moito máis que antes, polo menos. Credes que iso axudaravos a atopar novos públicos?

Dani: Non sei se se abrirán outro tipo de portas, pero si é verdade que todo cambiou e é marabilloso que o fixera. Hai moitas direccións distintas e hai grupos que viran por todas partes, algo que antes era impensable. Non sei eu onde encaixaremos, pero é positivo.

Edu: Hai un movemento novo cando se fala da música galega. É máis folclore mesturado con algo máis actual. Eu nese mundo non me vexo. Síntome máis próximo a Triángulo de Amor Bizarro ou Grande Amore. Creo que estamos máis nesa onda.

Edu Romero y Daniel Abalo, miembros de Nadadora, en Pontevedra
Edu Romero e Daniel Abalo, membros de Nadadora, en PontevedraCristina Saiz

Antes citabades ás vosas familias. Que vos dixeron cando lles dixestes que volvía Nadadora?

Edu. Na miña casa a todo mundo fíxolle moita ilusión, pero creo que ás que máis ás miñas fillas. A todo o mundo encantoulle, pero notei que elas están especialmente emocionadas. De súpeto pídenme todo o tempo que lles poña cancións de Nadadora.

Dani: Eu notei moita alegría, sobre todo nos meus amigos e nos meus achegados. Saben o importante que é Nadadora e a música na miña vida. Están moi contentos.

E, xa para terminar, cal diriades que sería un concerto perfecto para volver? Como vos gustaría que fora ese primeiro contacto co público en directo?

Dani: A min, persoalmente, en casa cos nosos. Con toda esa xente que sempre estivo connosco. Non digo que teña que ser íntimo e a porta pechada, pero si nun sitio onde puidese estar a maior parte de todos eles. Sería o máis bonito para min.

Edu: Gústame esa resposta. E que nos valese de ensaio para facer o segundo, nun sitio máis grande e con máis pena (ri). Seguramente nalgún sitio de Galicia. No Grove estaría ben.