Nenos e nenas, a elaborar máscaras de entroido co Museo de Pontevedra!

Pontevedra
05 de febreiro 2024

O obradoiro será os días 12 e 13 de febreiro e as inscricións poden formalizarse desde este martes día 6

Máscaras de entroido feitas por escolares
Máscaras de entroido feitas por escolares / Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra ofrece unha alternativa de lecer para os nenos e nenas de seis a dez anos aproveitando as xornadas non lectivas que veñen este febreiro con motivo do entroido. Así, organizou un obradoiro de elaboración de máscaras para os días 12 e 13 deste mes.

O obradoiro correrá a cargo do equipo de educación do Museo. Empregando obras de arte expostas neste Museo relacionadas cos animais realizarán as súas máscaras. A proposta pretende fomentar a creatividade destes escolares, que coñezan as tradicións galegas vinculadas a estas datas do entroido e á vez que teñan un achegamento divertido á colección artística do Museo. Doutro lado, tamén é unha opción de conciliación para as familias.

En ambas as xornadas o horario da actividade é de 11.30 a 13.00 horas e ofértanse quince prazas para cada un dos días. Ditas prazas cubriranse por orde de inscrición e deben enviarse á seguinte dirección de correo electrónico a partir deste martes 6 de febreiro: [email protected] 

Arquivado en