Unha nova cita coa cultura e a historia en Barro, o I Festival de Música Antiga Ars Longa Gallaecia

Barro
12 de xullo 2025

Os concertos celebraranse entre o 19 de xullo e o 16 de agosto, ás 20.30 horas, na Igrexa de Santa María de Perdecanai, na Igrexa de San Martiño de Agudelo e nos xardíns do Pazo da Crega

Presentación de Ars Longa 2025
Presentación de Ars Longa 2025 /

Barro suma unha nova cita ao seu calendario festivo, o Festival de Música Antiga Ars Longa Gallaecia, un ciclo de sete concertos que dialogarán co seu patrimonio monumental. 

Organizada polo Concello de Barro, en colaboración coa Asociación Cultural Ars Longa Gallaecia e as parroquias de Perdecanai e Agudelo, a primeira edición deste festival leva por título 'Resoando na Pedra. Diálogos sonoros no Patrimonio de Barro'.

O festival presentouse oficialmente este venres ao pé da igrexa románica de San Martiño de Agudelo e contou coa presenza do alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, do concelleiro responsable de Cultura, Adrián Silva Magdanela, e do sacerdote das parroquias de Perdecanai e Agudelo, Luis Ángel Roa Márquez. Tamén estiveron os directores do festival, Teresa Paz e Aland López, fundadores da Asociación Ars Longa Gallaecia.

A organización explicou que se trata dunha "proposta cultural de alta calidade" que celebrará sete concertos entre o 19 de xullo e o 16 de agosto, sempre ás 20:30 horas. A entrada será de balde ata completar aforo.

As actuacións serán en tres dos enclaves patrimoniais máis senlleiros do municipio: a igrexa de Santa María de Perdecanai, a igrexa de San Martiño de Agudelo e os xardíns do Pazo da Crega.

O festival nace co obxectivo de poñer en diálogo a música antiga coa arquitectura histórica, cunha programación que aposta pola excelencia artística, a recuperación do patrimonio musical e a creación dun novo espazo de referencia para o público melómano no contexto galego.

O programa ofrece repertorios pouco habituais, desde a Idade Media ata o Barroco, con artistas recoñecidos que interpretarán obras con instrumentos históricos.

Entre as formacións convidadas destacan Donas Canticum, Manseliña, Locus Musicus, o Conjunto Ars Longa de La Habana, e solistas como Leticia Trueba, Rodrigo López ou Beatriz López, entre outros.

O Pazo da Crega acollerá dous concertos comentados, de carácter divulgativo, sobre instrumentos esquecidos e repertorios históricos pouco coñecidos, a cargo de Aland López (3 de agosto) e Manuel Vilas (10 de agosto).

O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, destacou que este festival é "unha mostra máis do compromiso do Concello de Barro coa cultura de calidade, coa posta en valor do noso patrimonio e coa dinamización do rural a través de propostas que transcenden o local".