Nova convocatoria de Rutas de Arquitectura para descubrir o modernismo e o racionalismo

Pontevedra
04 de setembro 2022

Entre setembro e outubro realizaranse catro visitas que buscan sensibilizar á cidadanía na importancia da arquitectura do século XX, modernista e racionalista que tingue a provincia de Pontevedra

Festival PortAmérica na Azucreira de Portas
Festival PortAmérica na Azucreira de Portas / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra anuncia que xa están abertas as inscricións para a terceira edición das Rutas de Arquitectura, que se enmarcan na programación ConFiando Cultura.

O organismo provincial organiza coa Real Academia Galega de Belas Artes estes percorridos para pasear por diferentes lugares con especial coidado pola arquitectura e que se desenvolverán os sábados desde o 17 de setembro ata o 8 de outubro.

Este ano serán catro visitas, con 35 prazas cada unha, que buscan sensibilizar á cidadanía na importancia da arquitectura do século XX, modernista e racionalista que tingue a provincia. Chegarán a seis concellos da provincia: Vila de Cruces, Silleda, Vilagarcía, Vigo, Portas e Caldas.

CATRO RUTAS

Os percorridos comezarán o 17 de setembro na comarca do Deza cunha ruta guiada pola doutora en Arquitectura, Luz Paz, que inclúe a visita ao Poboado de Fontao en Vila de Cruces e o Mosteiro de Carboeiro en Silleda.

O día 24 será a ruta por Vilagarcía, cun percorrido por unha selección de vivendas unifamiliares e edificios modernistas e racionalistas (Avenida Xoán Carlos e Casa Carlos Becerra) e que conducirá a doutora en Arquitectura Estefanía López.

Xa no mes de outubro, o día 1 as rutas chegan a Vigo, onde de novo Estefanía López conducirá a visita polo Teatro García Barbón, o convento das Salesas, edificios recoñecidos como Sanchón e Curbera e a ermida do monte da Guía.

O programa finalizará o 8 de outubro na comarca do Umia. Paula Pita, doutora en Historia da Arte, guiará ás persoas participantes dende a Fábrica Azucreira de Portas para coñecer logo a arquitectura termal de Caldas: o Balneario Acuña e o Hotel-balneario Davila. Tamén pasarán polo Xardín Botánico, a carballeira, a Fábrica da Luz e a Fervenza de Segade no citado concello.

As persoas interesadas en participar teñen que inscribirse no correo [email protected] e poderán anotarse como máximo en dúas rutas, cun tope de 4 persoas por reserva.