Novo éxito de Sete Espadelas ao acadar os Premios de Investigación Antonio Fraguas na XXVI edición

Pontevedra
16 de decembro 2023

José Luis Rodríguez e David Quiñones, responsables da asociación pontevedresa, fixéronse esta semana cos dous Premios de Investigación do Traxe Galego Antonio Fraguas, que organiza o Concello de Santiago

Sete Espadelas acada os Premios de Investigación Antonio Fraguas 2023
Sete Espadelas acada os Premios de Investigación Antonio Fraguas 2023 / Emi Ramírez

A asociación pontevedresa Sete Espadelas lograba esta semana novos galardóns na súa premiada traxectoria ao obter os Premios de Investigación Antonio Fraguas na vixésimo sexta edición deste certame.

José Luis Rodríguez e David Quiñones, responsables do colectivo, obtiñan dous Premios de Investigación do Traxe Galego Antonio Fraguas, que organiza o Concello de Santiago nunha gala celebrada no Pazo de Raxoi coa presidencia da alcaldesa Goretti Sanmartín.

Rodríguez presentaba o traballo titulado 'Glosario ilustrado do traxe tradicional galego', que obtiña o premio descritivo, mentres que David Quiñones Vázquez participaba con 'De lonxe ata Galicia: as influencias de fóra no traxe tradicional galego' e recibía o premio na súa modalidade analítica.

Sete Espadelas obtivo trece premios durante a súa traxectoria deste certame e máis de cincuenta galardóns no Día do Enxalzamento do Traxe Galego en Santiago.

A Asociación Etnográfica Sete Espadelas desenvolve numerosas actividades relacionadas co traxe tradicional de Galicia e José Luis Rodríguez e David Quiñones foron os comisarios durante este 2023 da exposición 'Ruth Matilda Anderson. Fragmentos de onte', que se moveu polas cidades de Vigo, Santiago e Lugo logrando máis de 30.000 visitantes.

Fotografías: Emi Ramírez