Novo éxito do festival Cantos na Maré no Pazo da Cultura

Pontevedra
17 de xaneiro 2016

O auditorio do Pazo da Cultura encheuse de público para gozar da edición duodécima deste festival lusófano coa participación de Alceu Valença, Karyna Gomes, Thaïs Morell, Jorge Palma e Uxía & Narf

Cantos na Maré 2016
Cantos na Maré 2016 / Diego Torrado

Todo comezaba en 2003 cando xurdiu a idea de crear un festival para render homenaxe ao mar e, ao mesmo tempo, servir como punto de encontro de artistas, compositores, músicos, poetas e escritores galegos unidos polos sentimentos e a cultura galego portuguesa. Pasadas doce edicións e o Pazo da Cultura segue acollendo o festival Cantos na Maré con entusiasmo ao tratarse dun evento que goza dunha saúde extraordinaria. Así puido comprobarse este sábado 16 cun novo cheo no auditorio.

Sobre o escenario, a música dalgúns dos creadores máis interesantes dos territorios lusófonos.

Unha icona dos ritmos brasileiros como Alceu Valença coincidía con Karyna Gomes, de Guinea Bissau, unha revelación da música africana en lingua lusa e cunha guitarrista e flautista extraordinaria e orixinal como a brasileira Thäis Morell. O autor de culto Jorge Palma, todo un referente do rock portugués e os galegos Uxía Senlle & e Fran Pérez Narf coas súas 'Baladas da Galiza Imaxinaria' completaban o cartel que fixo gozar aos asistentes.

Unha vez máis, Cantos na Maré converteuse nun espazo de fusión e os diferentes artistas convidados a esta cita volveron ofrecer un repertorio único con colaboracións especiais.