Novos Cinemas inicia o ciclo de Encontros e continúa coas proxeccións

Pontevedra
12 de decembro 2019

A terceira xornada do programa de cinema inclúe actividades para escolares de Primaria, coloquios con produtores e cineastas e a proxección de sete películas ao longo de todo o día

Proxección de Novos Cinemas no Teatro Principal
Proxección de Novos Cinemas no Teatro Principal / Cristina Saiz

O programa Novos Cinemas encara o seu terceiro día de actos cunha actividade para alumnos dos últimos cursos de Educación Primaria, un encontro con cineastas e produtores e a proxección da cinta arxentina As facultades. Unha dos acontecementos máis esperados será a visita do director belga Bas Devos, que participará na proxección da película galega Violet e no coloquio posterior. A axenda do día péchase con dúas novas proxeccións de obras que participan na sección Oficial.

Escolares de cuarto, quinto e sexto de Primaria, a través do programa Cined teñen previsto asistir este xoves ás proxeccións de Rentree deas Clases e Petite Lumiere no Museo de Pontevedra ás 11.00 horas. Á mesma hora, na Casa das Campás, comezará o primeiro dos Encontros desta edición no que participan os cineastas Samuel Delgado e Helena Girón no que mostrarán as primeiras imaxes do seu filme Eles transportan a morte. Ás 12.30, toman o relevo as produtoras Gemma Vidal, Pamela Biénzobas e Mar Varela para debater sobre o desenvolvemento de proxectos audiovisuais. No mesmo horario está prevista a proxección da longametraxe As facultades, da arxentina Eloisa Solaas, que participa na sección Latexos.

Pola tarde, o belga Bas Devos, un dos autores novos con maior proxección do cinema europeo contemporáneo, participará ás 16.30 horas estará no Teatro Principal para visionar Violet e participar na charla posterior. No mesmo escenario, a partir das 19 horas sucederanse as proxeccións de dúas das cintas participantes na sección Oficial: Bait, de Mark Jenkin (Reino Unido) e Lost Holiday, de Michael & Thomas Matthews (USA).

O abono para asistir ás proxeccións de pago do festival poden adquirirse xa por un prezo de 15 euros, mentres que a entrada para unha soa proxección custa 3 euros. Poden adquirirse en Ataquilla. com ou no despacho de billetes do Teatro Principal unha hora antes do inicio de cada sesión