Sen alfombra vermella, pero con photocall e co Teatro Principal de Pontevedra vestindo as súas mellores galas. Así comezou este martes a oitava edición de Novos Cinemas, o festival internacional de cinema de Pontevedra, que se celebrará na cidade ata o vindeiro domingo.
Á procura da estrela, o debut cinematográfico do director vigués Carlos Martínez-Peñalver, foi a película que protagonizou esta sesión inaugural de Novos Cinemas.
Martínez-Peñalver, que participa fóra de concurso, asina un filme rodado na Serra da Estrela portuguesa, a medio camiño entre o documental e a ficción, sobre un viaxeiro que chega a esa zona para rexistrar os sons en vías de extinción da montaña máis alta de Portugal.
"Temos moita sorte de poder abrir o festival cunha proposta que xa estivo no LAB", destacou o director artístico de Novos Cinemas, Suso Novás, unha película que "é moi sensorial e que aposta polo son, a imaxe, a natureza e ou corpo".
O festival pretende con esta edición "subir un chanzo máis e manter a nosa liña de programación", segundo Novás, que celebra que a oferta cinematográfica deste ano "reflicte moi ben o espírito do momento", algo que recoñece "non foi buscado".
Así, subliña que a contemporaneidade actual "está recollida" en todas películas que, dunha ou outra maneira, "reflexan como sentimos, como vivimos, que pensamos ou que medos temos".
A programación de Novos Cinemas, con todo, comezou unhas horas antes desta sesión inaugural coa proxección das pezas do taller que o festival realizou en colaboración coa Universidade de Vigo, impartido nesta ocasión polo cineasta Berio Molina.
No taller titulado "A xogos coa realidade", celebrado hai uns meses, os alumnos buscaron novas maneiras de transformar a realidade a través do cinema, introducindo unha cámara en situacións cotiás.
As dez pezas que puideron verse son obra de Alba Amoedo, Fernando Areal Alvite, Aniana Barreiro Seara, Julio Catalán Rubinos, Yasmina Farhani Luaces, Eva Iglesias Lorenzo, Cristina Insua López, Ana Laura Rodríguez Esteves, Alex Viador e Cristina Souto Pita.
INICIO DA COMPETICIÓN
Tras esta xornada de inauguración, a programación competitiva desta Edición 08 de Novos Cinemas arrancará este mércores. Farao, ás 12:00 horas no Teatro Principal, coa estrea internacional da película arxentina Abril, verde, amarillo, dirixida por Santiago Aulicino.
Esta película, que entrelaza numerosos personaxes e espazos ao comezo do outono en Buenos Aires, é unha das catro que integran a sección Latexos, que reúne filmes dun carácter experimental e cunha factura máis fráxil e íntima.
Ao longo da tarde poderanse ver as tres primeiras películas que compiten na sección oficial, comezando polo filme francés Peter Pan, un drama social moderno dirixido por Natacha Samuel e Florent Klockenbring, que se proxectará ás 16:30 horas.
Seguiranlle Le cœur du masturbateur do francés Michael Salerno, na que un adolescente participa nun xogo en liña onde debe superar 50 retos en 50 días (19:00 horas); e a canadense Concrete Valley, un drama sobre inmigración de Antoine Bourges (21:30 horas).