Núbebes despide a súa segunda edición tras unha divertida fin de semana

Pontevedra
29 de setembro 2014

O festival de artes escénicas para bebés tivo unha grande acollida entre o público. Entre as actividades máis vistosas celebrouse unha guerra de almofadas en plena Praza do Teucro

Guerra de almofadas do Festival das Núbebes
Guerra de almofadas do Festival das Núbebes / Diego Torrado

Cun gran sabor de boca despediuse a pasada fin de semana o festival de artes escénicas para bebés Núbebes, na súa segunda edición.

Na súa segunda fin de semana as actividades volveron contar cunha numerosa participación.

Durante o venres celebrouse un obradoiro de cociña saudable a cargo da asociación de diabete infantil Anedia e tamén un obradoiro de experimentación práctica impartido por Pasapallás.

O sábado a cita máis vistosa e divertida foi a guerra de almofadas convocada na Praza do Teucro coa presenza de numerosos nenos e pais. Ademais houbo música na rúa con Cé, a orquestra pantasma, teatro con marionetas polo grupo Arena en los bolsillos e Cantacontos para bebés, por Pablo Díaz.

A última xornada do festival, a de domingo, impartiuse un obradoiro de danza por Artestudio, outro de música a cargo de Paulo Lameiro, e os contos e marionetas de Queliño antes do acto final, o Concerto A Selva e clausura do festival con Roque, por Golfiños e Baobab Teatro.