O "Acuario" dos Ghazafelhos abre en Pontevedra o ciclo Cultura no Camiño

Pontevedra
18 de xullo 2016

Que a xente miúda da casa se achegue á poesía en lingua galega á vez que aprende os nomes dos peixes e descobre a riqueza biolóxica e gastronómica do noso litoral. É o fío condutor do espectáculo Acuario, a obra coa que a compañía Teatro dos Ghazafelhos deu comezo ao ciclo Cultura no Camiño en Pontevedra

Representación de "Acuario" de Teatro dos Ghazafelhos na praza do Teucro
Representación de "Acuario" de Teatro dos Ghazafelhos na praza do Teucro / Alba Weigand

Que a xente miúda da casa se achegue á poesía en lingua galega á vez que aprende os nomes dos peixes e descobre a riqueza biolóxica e gastronómica do noso litoral. É o fío condutor do espectáculo Acuario, a obra coa que a compañía Teatro dos Ghazafelhos deu comezo ao ciclo Cultura no Camiño en Pontevedra.

Ducias de nenos gozaron con este espectáculo na praza do Teucro. Todo iso grazas á presenza dos vistosos monicreques, dos actores que lle imprimen humor e dinamismo á actividade, da música e dunha escenografía sinxela e á vez atractiva.

Cultura no Camiño é unha actividade gratuíta, organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia en 99 concellos situados nas rutas xacobeas.

O obxectivo é despregar unha interesante carteleira a través da que a produción escénica e musical sae ao encontro dos espectadores galegos e dos peregrinos que nos visitan.

O resto do ciclo complétase con:

  • Martes 19 de xullo: 19.30 h Maxia infantil: Trío de Ases de Expresión Produccións
  • Mércores 20 de xullo: 19.30 h Teatro/musical: Golfiños Golfiños
  • Xoves 21 de xullo: 19.30 h Teatro: O poeta do Miño de Polo Correo do Vento
  • Venres 22 de xullo: 19.30 h Teatro/monicreques: Barriga Verde de Viravolta Títeres
  • Sábado 23 de xullo: 19.30 h Música: A Banda das Apertas de Magín Blanco
  • Domingo 24 de xullo: 19.30 h Novo Circo: Picadillo Circus de Duende Sico.