"O Apóstolo" e "Engurras", dúas novas películas para o ciclo de cine infantil no Museo

Pontevedra
27 de decembro 2023

O ciclo de cinema galego de animación dirixido a público infantil e familiar continúa esta semana no Museo de Pontevedra con dúas novas proxeccións: o xoves 28 poderase ver O Apóstolo e o venres 29 será a quenda de Engurras

Fotograma da película "O Apóstolo"
Fotograma da película "O Apóstolo" / Museo de Pontevedra

O ciclo de cinema galego de animación dirixido a público infantil e familiar continúa esta semana no Museo de Pontevedra con dúas novas proxeccións: o xoves 28 poderase ver O Apóstolo e o venres 29 será a quenda de Engurras.

Ambas as dúas proxeccións están dirixidas a maiores de sete anos e terán lugar no auditorio do Edificio Castelao ás 18:00 horas. O acceso é con reserva previa en [email protected], cun máximo de catro prazas por reserva. 

O Apóstolo é un filme galego de animación dirixido por Fernando Cortizo en 2012.

Conta a historia dun preso que foxe do cárcere na procura dun tesouro agochado nunha aldea do Camiño de Santiago. Pero para atopalo terá que enfrontarse a misterios, desaparicións, espíritos e personaxes estraños, nunha peculiar historia de terror, humor e fantasía. 

Unha das peculiaridades do filme, que foi candidato á mellor película de animación nos Premios Goya, é que os personaxes están moldeados cos trazos físicos dos actores e actrices que lles poñen voz.

Así, os protagonistas son intérpretes tan coñecidos como Carlos Blanco, Luis Tosar, Xosé Manuel Olveira "Pico", Geraldine Chaplin, Jorge Sanz, Paul Naschy, Manuel Manquiña, Isabel Blanco ou Celso Bugallo. 

Engurras, pola súa banda, é unha produción galega de 2011, con dirección de Ignacio Ferreras, na que se adapta o recoñecido cómic de Paco Roca, un dos maiores éxitos da banda deseñada española nas últimas décadas. 

Ten como protagonistas a Emilio e Miguel, dous anciáns que se fan amigos no centro xeriátrico no que se atopan recluídos.

Emilio padece un principio de alzhéimer, polo que corre o risco de ser derivado ao andar dos eivados, algo que Miguel e outros compañeiros tratan de evitar a toda costa cun plan disparatado que enche de humor e tenrura o monótono día a día da residencia. 

Esta película estreouse no Festival de Cine de San Sebastián e obtivo dous Premios Goya, o de mellor filme de animación e o de mellor guión adaptado.