O arquitecto Alejandro de la Sota será homenaxeado no Teatro Principal o 14 de abril

Pontevedra
29 de marzo 2018

Inaugurarase proximamente nas rúas da cidade unha exposición sobre a súa obra arquitectónica

Alejandro de la Sota Padroado da Fundación Alejandro de la Sota

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) homenaxea no Día das Artes Galegas 2018 ao arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota. Aínda que a efeméride ten como data oficial de celebración o día 1 de abril, ao coincidir este ano domingo e cos festexos de Semana Santa, a organización acordou trasladar o acto institucional ao sábado 14 de abril.

A conmemoración celebrarase cun acto solemne no Teatro Principal de Pontevedra, ás 19:00 horas, que contará coa asistencia do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño; ademais doutras autoridades e representantes do ámbito cultural galego.

O presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, inaugurará a homenaxe que terá como discurso central unha glosa adicada ao arquitecto que lerá o vicepresidente da Real Academia Galega de Belas Artes, o arquitecto Celestino García Braña.

A Real Academia Galega de Belas Artes organizará outras actividades complementarias para homenaxear ao arquitecto, como unha exposición que se inaugurará proximamente nas rúas de Pontevedra ou un ciclo de conferencias sobre a súa obra arquitectónica.