O artista francés Patrice Warrener "coloreará" o santuario da Peregrina

Pontevedra
30 de agosto 2024

Será un dos participantes da Bienal de Arte e este venres coñeceu esta praza pontevedresa na que está previsto que a súa obra sexa protagonista

Patrice Warrener, Antón Castro e Rafa Domínguez Cristina Saiz

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de recibir na Praza da Peregrina o "artista francés da luz" Patrice Warrener e confirmou que será un dos participantes da recuperada Bienal de Arte. 

Na súa visita, o artista percorreu da man de Domínguez este espazo público no que está previsto que a cidadanía poida gozar da súa obra durante a Bienal.

Patrice Warrener é un artista coñecido internacionalmente polo seu sistema de iluminación policromática "chromolithe". 

Ten realizado ao longo dos últimos quince anos máis de 60 instalacións lumínicas por todo o mundo, enchendo de luz elementos tan característicos do patrimonio mundial como a Abadía de Westminster, a fachada de San Jerónimo de Madrid, a catedral de Saint Jean de Lyon ou coa súa intervención sobre Notre Dame. 

O traballo de Warrener ten influído no crecente número de Festivais da Luz que se desenvolven en cidades e ten colaborado co músico inglés Tim Blake.