O artista pontevedrés Tebo expón os seus 'Dispositivos' no Espazo Nemonon

Pontevedra
08 de outubro 2021

A sala situada en Villa Pilar verase alterada por unha serie de artefactos a medio camiño entre a pintura e a escultura que forman un conxunto realizado especificamente para a ocasión. A fachada do icónico edificio tamén contará cunha chamada de atención en forma de intervención artística nos balcóns do primeiro andar

Cartel da exposición 'Dispositivos' do artista Tebo en Espacio Nemonon
Cartel da exposición 'Dispositivos' do artista Tebo en Espacio Nemonon

Este venres 8 de outubro ás 20:00 horas terá lugar a inauguración de 'Dispositivos', a nova mostra do artista plástico Tebo, en Espazo Nemonon, a sala de arte situada no edificio de Villa Pilar, na rúa Marqués de Riestra 11 de Pontevedra.

A sala verase alterada por unha serie de artefactos a medio camiño entre a pintura e a escultura que forman un conxunto realizado especificamente para a ocasión, informan desde a organización da mostra.

A fachada do icónico edificio tamén contará cunha chamada de atención en forma de intervención artística nos balcóns do primeiro andar.

Con esta mostra Tebo busca asentar, resumir, expoñer e levar á seguinte fase un proceso de procura que comezou hai cinco anos, cando iniciou o seu proxecto 'Códigos'. Levado a cabo en distintos países, ten por obxectivo sintetizar en distintas series de composicións aqueles aspectos de cada cultura que máis chaman a súa atención.

A escritura, os medios de transporte ou a arquitectura son só algúns dos elementos nos que se basea para reinterpretar os lugares que visita.

Tras comezar a súa andaina na residencia artística Alfara, en Salamanca, parte rumbo á India para pasar despois por Bolivia, antes de chegar a Buenos Aires, onde fixa a súa residencia case sen propoñerllo durante un ano e medio.

De novo en Galicia e establecido en Pontevedra, desprázase a Italia para realizar a última etapa do proxecto ata o momento, 'Códigos_Roma', desenvolvida e exposta no MACRO (Museo de Arte Contemporánea de Roma).

Agora, nútrese de todas estas experiencias para desenvolver o seu propio código, un non baseado nun lugar particular senón imaxinario, que é o resultado de sumar todos os anteriores e engadir un chisco de ficción propia. Se ata o momento as técnicas empregadas para plasmar estas impresións eran a colaxe, a pintura ou a serigrafía, agora materiais como a madeira, o cemento ou a corda toman a remuda para dar forma a uns dispositivos que parecesen mostrarnos o camiño, cara a onde?.

Desta maneira tan enigmática preséntase a mostra, cunha invitación a que as persoas que visiten a exposición atopen a resposta "sen medo a trabucarse, xa que na arte todo é subxectivo".