Música, artesanía, coloquios, actividades infantís e moita memoria histórica. O Canteira Fest regresou con forza nunha edición que contou co respaldo do público durante os seus dous días de celebración.
O concerto de Tanxugueiras foi o punto culmen este sábado dunha intensa e divertida xornada na canteira de Paredes, Vilaboa.
Polo escenario pasaron tamén Punkiereteiras, Grande Amore, Huntza, Latin Leria, Sleepy Spice e Paula Docampo DJ, ata altas horas da madrugada, pero a actividade comezou moito antes co resto de propostas, incluídas as do Espazo Memoria coordinado co departamento de Memoria Histórica da Deputación.
A performance posta en marcha por 'Os Quinquilláns' coa colaboración da Escola de Música de Vilaboa ou unha representación da aula de teatro de Pontevedra no escenario principal foron algunhas das sorpresas do festival, que contou con sesión de contos infantís a cargo de Polo Correo do Vento, unha sesión vermú e ata cun taller de disputa dialéctica improvisada sobre memoria histórica, a cargo do Rabelo.
Actividades que deixaron un gran sabor de boca e sobre todo ganas de que chegue pronto a próxima edición do Canteira Fest.