O Centro Cultural Xaime Illa proxecta este venres a película 'Cuñados'

Poio
06 de setembro 2022

Previamente, ás 20.00 horas, terá lugar o acto de inauguración da exposición 'Matriarcas', que serve como homenaxe á importancia do labor das mulleres do mar

Intérpretes da comedia galega 'Cuñados'
Intérpretes da comedia galega 'Cuñados'

As proxeccións do Ciclo Mestre Mateo retornan ao Centro Cultural Xaime Illa. Da man deste programa, do que forma parte Poio e que está impulsado pola Deputación de Pontevedra, ofrécese á veciñanza a posibilidade de gozar cos oito traballos audiovisuais que resultaron gañadores na última edición dos Premios Mestre Mateo.

O primeiro deles será 'Cuñados', unha comedia dirixida por Toño López e que conta coa participación de actores como Xosé Touriñán, Miguel De Lira ou Federico Pérez Rey. A cita terá lugar ás 21.00 horas deste venres 9 de setembro e, como xa é habitual, a entrada será gratuíta.

Previamente, ás 20.00 horas, as propias dependencias do Xaime Illa acollerán o acto de inauguración da exposición 'Matriarcas'. Trátase dunha colección impulsada por Graciela Castro Bea que serve para render homenaxe e recoñecer a importancia do labor que historicamente vén desenvolvendo a muller no mundo do mar. 

Esta actividade forma parte da programación organizada polo Concello de Poio para conmemorar o 50 aniversario do nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico de Interese. A mostra permanecerá aberta ao público, con entrada libre, ao longo de todo o mes de setembro, segundo informa Rodríguez Alonso.

CURSO GRATUÍTO SOBRE MODA SOSTIBLE

Por outra banda, a Concellería de Promoción Económica informa de que está aberto o prazo de inscrición para poder participar no curso gratuíto de moda sostible. Trátase dunha acción formativa que ofrece ás persoas inscritas a posibilidade de converter prendas de roupa que non se usan en accesorios de moda. 

O curso, que é gratuíto e está dirixido a persoas en situación de desemprego, con prioridade para mulleres, dará comezo o venres 23 de setembro. Terá unha duración de 60 horas, das cales 45 serán ‘on line’ e as 15 restantes presenciais. Estas últimas desenvolveranse no Centro de Formación da Reiboa, situado na Seca, na parroquia de San Xoán. O proxecto está financiado a través da Fundación Biodiversidad. 

As persoas interesadas en anotarse poderán obter máis información enviando un correo electrónico a [email protected], ou chamando ao 886212131. Lémbrase que as prazas son limitadas.