O certame de fotografía #FotoÁgora xa ten gañadores

Pontevedra
18 de marzo 2022

O xurado do certame emitiu este venres o seu fallo escollendo de forma unánime os 32 premios, dos cales dous son principais, un premio por cada un dos principios Ágora, e 20 accésit, que se repartirán os 40.000 euros consignados

Xurado dos premios #FotoÁgora
Xurado dos premios #FotoÁgora / Deputación de Pontevedra

O primeiro certame de fotografía sobre o espazo público, #FotoÁgora, xa coñece os seus gañadores. O xurado do certame emitiu este venres o seu fallo escollendo de forma unánime os 32 premios, dos cales dous son principais, un premio por cada un dos principios Ágora, e 20 accésit, que se repartirán os 40.000 euros consignados.

Unha vez seleccionadas as imaxes, que estaban nomeadas con códigos para manter o anonimato das persoas autoras, o departamento de Novas Tecnoloxías da Deputación está nestes momentos a desencriptar a identificación. Feita a asignación ás fotógrafas e fotógrafos, procederán a comunicar o premio de maneira telefónica por parte do deputado de Mobilidade Uxío Benítez e daranse a coñecer os nomes publicamente.

Segundo explicou o responsable nacionalista, o xurado seleccionou as mellores imaxes de entre as 297 presentadas por parte de 62 persoas. No anterior encontro o xurado pasara á final unha escolma de 66 fotografías entre as que hoxe se escolleron as premiadas.

"Temos que dicir que estamos moi contentos e satisfeitos co nivel de fotografías que se presentaron a esta iniciativa de #FotoÁgora, que está enmarcada na Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público, co obxectivo por parte da Deputación de promover e difundir os valores Ágora dentro da provincia dun xeito gráfico e ameno como é a fotografía", apuntou Benítez. "Dalgunha maneira coa transmisión destas mensaxes imos difundir a nosa filosofía Ágora: que as persoas son as protagonistas do espazo público", explicou.

Segundo adiantou Benítez, a Deputación organizará unha gala na que entregarán os premios. Nela, ademais se fará unha avaliación da iniciativa, que se pretende repetir nos vindeiros anos "para contribuír a difundir a necesidade de que o espazo público sexa para as persoas e que debemos incrementar o espazo público".

O tribunal dos premios estivo formado pola presidenta da Deputación Carmela Silva –e o deputado Uxío Benítez como suplente-, a xornalista gráfica Mónica Patxot, o profesor da UVigo Jorge Lens, a xefa do servizo de Arquitectura Carmen Gómez, o asesor en Mobilidade Jesús Fole, e Lucía Pazos –funcionaria do departamento de Mobilidade- como secretaria.