O 'ciclón Sés' regresa a Pontevedra para presentar o seu segundo disco, "Co xenio destrozado"

Pontevedra
07 de novembro 2013

Foi unha das grandes sensacións da décima edición de Cantos na Maré e, posteriormente, regresou a Pontevedra nun par de ocasións máis. Sempre con gran éxito. Agora, o 'ciclón Sés' volve á cidade do Lérez. Faio para presentar o seu segundo disco, Co xenio destrozado, editado o pasado mes de xuño. Será cun concerto que se celebrará no Teatro Principal o sábado 9 de novembro, ás 21.00 horas

María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, nunha das súas imaxes promocionais
María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, nunha das súas imaxes promocionais

Foi unha das grandes sensacións da décima edición de Cantos na Maré e, posteriormente, regresou a Pontevedra nun par de ocasións máis. Sempre con gran éxito. Agora, o 'ciclón Sés' volve á cidade do Lérez. Faio para presentar o seu segundo disco, Co xenio destrozado, editado o pasado mes de xuño. Será cun concerto que se celebrará no Teatro Principal o sábado 9 de novembro, ás 21.00 horas.

Tras o seu primeiro traballo, Admirando a condición (2011), María Xosé Silvar, coñecida como Sés, presenta agora Co xenio destrozado, un traballo feito con orgullo identitario, frescura e vitalidade, que pretende concentrar en doce cancións viscerais e apaixonadas a potencia do directo. Temas de cantautora vestidos de blues, rock e sons do continente hispanoamericano.

Gravado nos estudos Bruar, da Coruña, e producido pola propia Sés e Xavier Ferreiro, neste traballo conta cos seus músicos habituais nos directos: Tito Calviño (guitarra), Marcos Pazo (batería) e Fran Sanz (baixo).

Se algo podemos destacar de Sés é o seu enorme carisma e forza persoal, xa dabondo mostrada en centos de concertos e actuacións ao longo de toda Galicia, percorrendo diferentes escenarios, cidade tras cidade. Aos poucos e grazas á transmisión boca-orella, a súa intensa personalidade e honestidade á hora de manifestarse, foi conquistando o público cun caudal de enerxía que chama pola unión e o cuestionamiento do establecido.

Formada na música e no baile tradicional, Sés é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social. En 2007 creou xunto a tres amigos a banda Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso A Coruña Son, apadriñado por Santiago Auserón. Logo de colaborar con grupos como Zenzar ou Xabier Díaz, publicou en 2011 o seu primeiro disco, un proxecto 100% en galego e 100% en feminino.

As entradas para o concerto de Sés, que teñen un prezo de 10 euros, pódense adquirir en www.servinova.com e no teléfono 902 504 500. Tamén haberá entradas no despacho de billetes do Teatro Principal desde dúas horas antes do inicio da actuación.