O Cineclube pecha tempada con Ingmar Bergman e dúas películas de Éric Rohmer

Pontevedra
01 de xuño 2021

Un verán con Mónica, do realizador sueco Ingmar Bergman, e as dúas sesións en colaboración coa Filmoteca de Galicia dedicadas ao francés Éric Rohmer ocuparán a programación de xuño no Cineclube Pontevedra, que como cada ano interromperá a súa programación ata setembro

Fotograma da película "Un raio verde"
Fotograma da película "Un raio verde" / Cineclube Pontevedra

Un verán con Mónica, do realizador sueco Ingmar Bergman, e as dúas sesións en colaboración coa Filmoteca de Galicia dedicadas ao francés Éric Rohmer ocuparán a programación de xuño no Cineclube Pontevedra, que como cada ano interromperá a súa programación ata setembro.

A primeira proxección será o luns 7 de xuño coa exhibición da película A miña noite con Maud, dirixida por Rohmer no ano 1969.  

Narra a historia de Jean-Louis, un enxeñeiro católico que se incorpora ao seu novo traballo en Clermont-Ferrand logo dunha estancia de varios anos en América e que debe adaptarse á súa nova situación.

O martes día 8 será a quenda de Un verán con Mónica, de Ingmar Bergman.

Nela, Harry e Mónica son dous mozos de clase obreira cunhas vidas e traballos cos que non están satisfeitos. Harry está farto do seu traballo e Mónica non atura a súa familia. Un día deciden abandonalo todo e fuxir a bordo dunha pequena barca ás illas dun pequeno arquipélago para vivir intensamente o seu amor. 

O Cineclube despedirá a súa actividade ata setembro coa película O raio verde, de Éric Rohmer, que se poderá ver o luns 14.

Está protagonizada por Delphine, unha secretaria parisina sen plans para as vacacións logo de que a súa amiga as cancelara no último minuto. Soa e triste, Delphine está decidida a viaxar igualmente. No camiño coñece unha rapaza sueca que trata de animala mais que só consegue acentuar a súa sensación de soidade, até que o seu destino, de golpe, dá un xiro inesperado.

Todas as películas, en versión orixinal e subtitulada, serán proxectadas a partir das 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.