O CEIP Plurilingüe de Tenorio quere "liberar" libros en espazos emblemáticos coa intención de que outras persoas os recollan e gocen deles.
Dende este colexio sinalan que "os libros son elementos vivos, que pasan dunhas mans a outras, que transmiten información real ou imaxinaria, pero sobre todo axudan a comunicarnos entre todas as persoas, trasladando emocións".
No CEIP Plurilingüe de Tenorio tentan que todos os libros do centro cumpran esas funcións, tanto dentro do centro educativo a través da súa Biblioteca Escolar, como no exterior. Deste xeito impulsan esta idea de darlle vida a eses libros que xa non poden ser empregados na Biblioteca, pero non desexan que queden abandonados en caixas, nin esquecidos en recunchos do centro.
A iniciativa chámase "Os libros que veñen en van". A proposta é que todo o alumnado e profesorado do centro dispoña dun libro que será depositado nalgún lugar emblemático, de calquera cidade. Cada exemplar leva unha carta escrita en catro idiomas (galego, castelán, inglés e francés) cunhas instrucións, nas que se pide que as persoas que recollan o libro o lean e despois o deixen noutro lugar "para que sega a percorrer un camiño de ilusión polo mundo adiante".
O centro educativo solicita, a través dunha conta de correo electrónico, información do lugar onde se depositou ou atopou o libro, cunha fotografía dese lugar e as impresións sobre a actividade ou a lectura.