O vindeiro luns, día 16 de xaneiro, ás 20:30 horas, a Sociedade Filarmónica de Pontevedra ofrecerá un novo concerto aos seus socios protagonizado polo Cuarteto Gerhard. O concerto celebrarase no Teatro Principal.
Trátase dun conxunto de corda que, desde a tempada 2018/2019, son artistas residentes no Palau da Música de Barcelona e do Auditorio Josep Carreras de Vilaseca.
Considerado un dos cuartetos máis destacados da súa xeración a nivel internacional, os integrantes do Gerhard formaron parte do programa do Instituto de Cámara da Escola Superior de Música Raíña Sofía con Günter Picher, bolseiros pola escola.
Gañadores de varios premios nacionais e internacionais, o Cuarteto Gerhard participou en importantes escenarios internacionais como a String Quartet Biennale Amsterdam 2020 e Muzenforum a Bloemendaal (Holanda), tempada de música de cámara Stadt-Casino de Basilea (Suíza), o festival de cuartetos de corda de Bordeus e o Festival Radio France Montpellier (Francia), o Mozartfest de Würzburg e Heidelberger Frühling (Alemaña) e tempada Musikamera na Fenice de Venecia (Italia), entre outros.
Tamén foron convidados a Festivais de verán de prestixio como a Schubertiada de Vilabertran, Festival Pau Casals do Vendrell, Porta Ferrada, Aix-enProvence e Verbier.
Na súa discografía, cabe destacar o álbum Portrait (Seed Music 2016), premio da crítica ao mellor CD 2016; un lanzamento con obras de Kurtág, Berg e Schumann baixo a discográfica Harmonia Mundi International; e un próximo CD con obras de Kurtág e Schubert con Bleu Danube, discográfica e produtora francesa con quen tamén levan a cabo a película/performance Suite Lyrique que estrearon con éxito en Ámsterdam o pasado xaneiro de 2020.
En Pontevedra, o Cuarteto Gerhard ofrecerá o Cuarteto de corda op. 10 de Debussy, e o Cuarteto de corda nº 5, op. 92, de Shostakovich.