O Día dos Museos chega ao Pazo da Cultura con visitas á mostra 'Barriga Verde'

Pontevedra
16 de maio 2015

A Sala de Exposicións, que habitualmente permanece pechada os luns, abrirá como unha excepción para celebrar unha serie de visitas guiadas á mostra 'Barriga Verde. De feira en feira'. En horario matinal realizarán a visita 91 nenos de tres grupos de escolares. A visita da tarde estará aberta ao público en xeral

Inauguración da exposición "Barriga verde, de feira en feira" no Pazo da Cultura
Inauguración da exposición "Barriga verde, de feira en feira" no Pazo da Cultura / Daniel Santomé

O Día Internacional dos Museos, que se conmemora o día 18 de maio en todo o mundo, chegará tamén ao Pazo da Cultura de Pontevedra. A Sala de Exposicións, que habitualmente permanece pechada os luns, abrirá como unha excepción para celebrar unha serie de visitas guiadas á mostra 'Barriga Verde. De feira en feira'.

En horario matinal realizarán a visita 91 nenos de tres grupos de escolares dos CEIP de San Bieito de Lérez e A Xunqueira e do colexio SEK. A visita da tarde estará aberta ao público en xeral. Será ás 18.30 horas e non precisa inscrición previa. 

O guía será Anxo García, de Viravolta Títeres. Acompañará aos asistentes por un percorrido pola exposición acompañado por títeres tradicionais, guiando aos asistentes nos xogos, escenificando contos coas marionetas e contando e cantando historias. 

Ao longo de 50 minutos percorrerán os diferentes puntos da mesma, escoitando cantigas e contos relacionados coas diferentes pezas e xogos, tales coma a zona do mercado, o xogo de "A sorte do paxariño" ou as marionetas de cachiporra.