O documental sobre memoria histórica 'Acorda', na plataforma Filmin ata o 24 de novembro

Pontevedra
16 de novembro 2021

A emisión en Filmin xorde despois de que Acorda formase parte da sección oficial ‘Panorama audiovisual galego’ de Cineuropa tras ser considerada parte da produción galega máis relevante do último ano.A organización do festival seleccionouna como unha das 15 pezas ás que facer difusión en liña

Representación de 'Acorda' no festival Cineuropa
Representación de 'Acorda' no festival Cineuropa / Deputación Provincial de Pontevedra

Acorda, o documental sobre memoria histórica da Deputación de Pontevedra, poderá verse na plataforma Filmin ata o 24 de novembro. Está dispoñible desde este martes, despois de que na tarde do luns se proxectara no festival Cineuropa de Santiago de Compostela. 

A emisión en Filmin xorde despois de que Acorda formase parte da sección oficial ‘Panorama audiovisual galego’ de Cineuropa tras ser considerada parte da produción galega máis relevante do último ano.

A organización do festival seleccionouna como unha das 15 pezas ás que facer difusión en liña.

No propio festival proxectouse con moi boa acollida entre o público asistente e motivou unha grande participación no coloquio posterior. Estiveron presentes Uxía, Marina Carracedo, Lois Pérez, Su Garrido Pombo, Sheila Patricia, Emilio Rúa, Tero e Laura Pérez, ademais da técnica e asesora de contidos de memoria da Deputación, Montse Fajardo, e a fotógrafa Alba Díaz.

Acorda é unha idea orixinal do departamento provincial de Memoria Histórica e foi producida tamén pola Deputación de Pontevedra, que encargou a dirección artística a Uxía e Marina Carracedo, o guión a Lois Pérez, a produción técnica a Lucas Terceiro.

Entre o reparto de intérpretes están Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Tanxugueiras, Ezetaerre e a propia Uxía e Su Garrido, e un elenco formado por Tero Rodríguez, Andrés Giráldez, e Eduardo R. Cunha (‘Tatán'), entre outros, xunto a testemuñas reais de persoas como Queta Molas ou Blanca Francés.