Despois de ser selecionados entre máis de mil compañías de teatro a nivel nacional e internacional na 25 edición da Feria de Teatro de Castela e León, e ter actuado o 27 de agosto no Teatro Novo Fernando Arrabal en Ciudad Rodrigo (lugar onde se celebrou a feria, unha das máis importantes a nivel nacional), a compañía Baobab Teatro vén de recibir a nova de que están galardoados co premio especial “Provincia a Escena 2022”.
O xurado que otorga este galardón confórmano os programadores culturais de Castela e León que asistiron á feira.
Trátase dun novo premio -dentro da programación oficial da feira castelá- que nace con varios obxectivos: recoñecer o mellor espectáculo para público infantil e familiar e incorporar o traballo ao programa denominado Provincia a Escena.
A obra “Ás para Álex” é unha montaxe de teatro e títeres de corte contemporáneo, co que Baobab Teatro foi seleccionada para a 25 edición da feira de Ciudad Rodrigo. A peza aborda de xeito maduro e responsable un tema como o da enfermidade do cancro, revelando como as propostas escénicas para público infantil e familiar poden versar sobre temas comprometidos.
Este espectáculo está dirixido por Andrea Bayer e Óscar Ferreira, fundadores de Baobab Teatro, na parte técnica (iluminación e son) Daniel Abalo, técnico da compañía dende os seus comezos, en escena, Xose Manuel Esperante e Cora Velasco, a escenografía é de Óscar Ferreira e o guión de Andrea Bayer.
A obra xirará ao longo das vindeiras semanas polos teatros da provincia de Salamanca, logo de ser estreada en Pontevedra en 2021.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.