O Faiado, a nova obra de Teatro Ó Cubo, en Domingos no Principal

Pontevedra
28 de febreiro 2018

A compañía trae unha función que auna monicreques, sombras chinescas, baile e canto que fará as delicias dos máis novos da casa.

Os protagonistas de 'O Faiado'
Os protagonistas de 'O Faiado' / Urdime

O próximo 4 de marzo chega á Boa Vila unha nova cita co ciclo Domingos no Principal, que esta vez trae un espectáculo dos máis variados e que está dirixido aos máis novos.

A proposta chámase O Faiado e é unha obra traída pola compañía Teatro Ó Cubo e escrita por J. L. Baños de Cos integramente en galego, que segue a tres irmáns con diferentes maneiras de ver o mundo, pero que tras un acontecemento familiar que podería cambiar o curso das súas vidas vense na obrigación de chegar a un acordo e confrontar as súas ideas.

Teatro Ó Cubo é unha compañía que nace no ano 2016 e está formada polos actores Fredi Muíño, Sofía Espiñeira e Roberto Mouriño e polo escritor J. L. Baños de Cos.

Para a posta en escena da ópera prima do escritor, o grupo está dirixido por Pablo Sánchez 'Pablísimo' e nela xúntanse teatro, monicreques, sombras chinescas, baile e canto, provenientes das distintas influencias dos seus actores e un dos puntos distintivos desta compañía de carácter multidisciplinar.

O Faiado terá dous pases o domingo 4 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra, un ás 12:00 e outro ás 18:30 horas.

As entradas están dispoñibles en Ticketea e o seu prezo é de 4 euros máis gastos. En caso de non esgotarse na venda anticipada tamén o estarán na billeteira dúas horas antes de cada pase.