O festival de curtametraxes Armadiña enfúndase a bandeira galega

Poio
05 de novembro 2019

O evento comeza este luns con tres xornadas consecutivas de obradoiros, o xoves estará dedicado á infancia e as proxeccións están previstas para o venres e o sábado. A gala de entrega de premios terá lugar o domingo ás 19 horas no centro cultural Xaime Illa

Presentación da quinta edición do festival de curtametraxes Armadiña
Presentación da quinta edición do festival de curtametraxes Armadiña / PontevedraViva

O Concello de Poio mergullarase, despois da xornada electoral, nunha semana de cinema pola celebración da quinta edición do festival de curtametraxes Armadiña que encherá a vila mariñeira de Combarro de proxeccións audiovisuais e talleres relacionados coa produción cinematográfica. Unha das novidades deste festival, cuxa presentación tivo lugar este luns no Casal de Ferreirós, é a presenza da lingua galega. Esta vez, para participar no certame, foi obrigatorio que a lingua, o director, a produción ou as localizacións fosen galegas.

Este cambio nas bases reduciu o volume de traballos recibidos, pero a calidade non se resentiu. A organización seleccionou 21 curtas das máis de sesenta pezas presentadas, que competirán nas seccións de animación e na oficial. Mentres que ao premio a mellor videoclip optan unha decena de obras das máis de vinte que chegaron á sede de Armadiña.

Outro dos cambios con respecto a edicións anteriores é que as proxeccións das curtametraxes terán lugar no fogar Armadiña de Combarro, mentres que a gala final está prevista para o domingo 17 ás 19 horas no centro cultural Xaime Illa.

Os actos comezarán o vindeiro luns co primeiro dos tres obradoiros programados que terán lugar os días 11, 12 e 13 de novembro e centraranse na produción, a cargo de Laura Doval; o son, impartido por Pablo Viña; e a interpretación, dirixido polo actor Xosé Manuel Esperante. "O prazo para inscribirse nos obradoiras aínda está aberto", sinalou Tamara Andrés, unha das organizadoras que participou na presentación xunto a Marco Otero, Adrían Porima e a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez.

O día 14 estará dedicado aos nenos e nenas cunha andaina polas praias de Combarro ata o Fogar Armadiña para falar de cinema. Na sede da organización terá lugar unha sesión de contacontos sobre a cineasta Alice Guy a cargo de Raquel Queizás e a xornada concluirá coa proxección do documental Idénticas.

As proxeccións comezarán o venres a partir das 19 horas con cinco pezas audiovisuais de produción local, seguidas doutros dez curtametraxes participantes na sección oficial do festival. Os visionados continuarán o sábado á mesma hora cos curtos e videoclips restantes.

A semana cinematográfica de Poio concluirá o domingo cunha sesión vermú que inclúe un coloquio con membros da Asociación de Profesionais dá Dirección e Realización de Galicia. Ás 19 horas comezará a cerimonia de entrega de premios conducida pola actriz Isabel Risco. Durante a gala entregaranse os galardóns Áncora de Ouro, que o concede o xurado; Áncora de Prata, concedido polo público; o premio Curtas Armadiña, que este ano recaera na directora, produtora e actriz Sonia Méndez; o premio a mellor videoclip e o premio CREA á mellor dirección.