O FICBUEU abre o prazo para presentar curtas para a edición 2018

Bueu
20 de xaneiro 2018

A recepción prolongarase ata o 14 de abril e os traballos seleccionados proxectaranse no festival do 7 ao 15 de setembro  

Momento do FIC Bueu 2017
Momento do FIC Bueu 2017 / FICBUEU

As persoas interesadas en participar coas súas obras na undécima edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu xa poden presentar as súas cintas. A asociación FICBUEU, organizadora da cita cultural, acaba de abrir o prazo para a presentación. A edición 2018 do festival xa ten datas, do 7 ao 15 de setembro. 

O prazo para o envío de curtas permanecerá aberto ata o 14 de abril. Poderán presentarse traballos estreados a partir do 15 de abril de 2016  cunha duración que non supere os 30 minutos. 

 Por segundo ano consecutivo, a presentación das curtas realizarase a través da plataforma Shortfilmdepot e xa o 15 de maio daranse a coñecer as obras escollidas, que no caso da Sección Oficial optarán a máis de 5.000 euros en premios.

Un xurado internacional encargarase de outorgar as Ánforas de Ouro e Prata e os once galardóns artísticos e técnicos. Un xurado estatal entregará os premios das mellores curtametraxes galega e española, aos que se suma o premio do público.

O FICBUEU convidará a asistir a representantes de todas as curtas da Sección Oficial, polo que este ano se volverá garantir unha destacada presenza internacional nos días do evento. A esta escolma súmanse as seccións paralelas: Galicia, España, Animación, Comedia, Festival Invitado, Infantil, Latinoamérica e Premio de Honor, esta última como novidade.