O Frei Martín Sarmiento acollerá unha exposición para visibilizar ás mulleres científicas

Pontevedra
11 de febreiro 2018

O IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra será este curso académico un dos once centros educativos de Galicia que acollerá unha exposición coas galardoadas co Premio María Josefa Wonenburger Planells 

Exposición Premios María Josefa Wonenburger Planells
Exposición Premios María Josefa Wonenburger Planells / Xunta de Galicia

O IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra será este curso académico un dos once centros educativos de Galicia que acollerá unha exposición coas galardoadas co Premio María Josefa Wonenburger Planells. A mostra ten como obxectivo visibilizar ás mulleres que dedican a súa vida profesional a algún campo específico da ciencia ou da tecnoloxía.

Esta exposición forma parte da programación posta en marcha pola Xunta de Galicia con motivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas conmemora cada 11 de febreiro co fin de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, así como para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e as nenas.

A Xunta quere recoñecer neste día internacional ás mulleres científicas de Galicia, mulleres que souberon adiantarse ao seu tempo e que abriron camiños a moitas outras e considera prioritario incrementar a presenza da muller nos ámbitos científicos e tecnolóxico de Galicia, pois unha maior presenza de mulleres na investigación contribuiría a enriquecer a actividade científica coa achega de novos temas e perspectivas.

Anualmente, a Unidade de Muller e Ciencia da Xunta outorga o Premio María Josefa Wonenburger Planells, que leva o nome dunha investigadora e matemática galega que foi unha autentica pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias e unha científica adiantada ao seu tempo. Con este motivo, elaborase esta exposición coas premiadas que chegará ao IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra.