O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou a intención do goberno provincial de reforzar con máis apoio o Musigal, circuíto de concertos de música en galego nos concellos.
Co obxectivo de comezar a perfilar o contido do programa de difusión da música local en toda a provincia Luis López mantivo este martes un encontro con representantes do tecido musical.
Esta reunión de traballo, na que tamén paticipou a vicepresidenta Marta Fernández-Tapias, serviu tamén para escoitar as demandas e propostas dos membros do colectivo. "Queremos mellorar as bases coas ideas que teñades porque é un programa que queremos reforzar", asegurou.
O presidente López trasladou aos músicos o compromiso da Deputación coa defensa e promoción da cultura na provincia, unha "área estratéxica" que conta cunha partida de 4,7 millóns de euros no orzamento deste ano do organismo provincial, un 20 % máis que no 2023.
O obxectivo deste programa é poñer a disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia un catálogo de grupos e solistas musicais profesionais que realizan os seus espectáculos en lingua galega.