A explanada da Reiboa, na parroquia de San Xoán de Poio, será escenario este sábado 29 de agosto dun concerto a cargo do grupo pontevedrés Malkeda.
O grupo, que leva en activo desde o ano 2002, presenta o seu terceiro disco, Cumulonimbo, que está producido por Anxo Acuña Paz, a partir das 22.00 horas.
Estaba previsto que esta cita musical sería a última da programación prevista polo Concello de Poio para o mes de agosto, pero finalmente a última será o domingo 30 coa actuación 'Máis Cantos', de Nelson Quinteiro Producións.
A actuación estaba prevista para as 21.00 horas deste xoves na praia de Cabeceira (Lourido), pero quedou aprazada debido ás condicións meteorolóxicas e celebrarase o domingo día 30 á mesma hora.
Este espectáculo forma parte da programación de Reinicia o Verán, unha iniciativa impulsada desde os departamentos de Festexos e Cultura e que inclúe todo tipo de citas lúdicas nas que se garante o cumprimento das medidas hixiénicas, de aforo e distanciamento decretadas polas autoridades sanitarias a raíz da Covid-19.