O labor de Antonio Fraguas de se mergullar na lembranza colectiva de Cotobade amósase nunha publicación

Cerdedo Cotobade
08 de xullo 2022

O Centro Cultural e Turístico de Carballedo Antón Fraguas foi o escenario escollido para presentar o libro editado pola súa fundación cunha escolma de varios escritos e traballos do etnógrafo baixo o título 'Na Lembranza dos veciños. Dispersos de Antonio Fraguas sobre as Terras de Cotobade'

Presentación de  'Na Lembranza dos veciños. Dispersos de Antonio Fraguas sobre as Terras de Cotobade'
Presentación de 'Na Lembranza dos veciños. Dispersos de Antonio Fraguas sobre as Terras de Cotobade' / Concello de Cerdedo-Cotobade

Este xoves celebrábase a presentación oficial do libro que leva por título 'Na Lembranza dos veciños. Dispersos de Antonio Fraguas sobre as Terras de Cotobade', unha obra realizada por Clodio González Pérez, historiador, etnógrafo e biógrafo; e por secretario do Museo do Pobo Galego e da Fundación Antonio Fraguas, Francisco Javier Sanjiao Otero.

O acto estivo presidido polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, no Centro Cultural e Turístico Antonio Fraguas, situado en Carballedo, ante a presenza de numeroso público que acudía á presentación deste traballo sobre un home que, segundo os autores, dedicou moitos anos para recompilar, catalogar e estudar a sabedoría popular galega e, en particular, os recordos da veciñanza de Cotobade.

Clodio González destacou o carácter humilde e traballador de Fraguas co seu continuo labor de apuntar detalles e historias que lle contaban. Francisco Javier Sanjiao subliñou a capacidade do etnógrafo para mergullarse no recordo colectivo da veciñanza recuperando elementos da antropoloxía de Galicia.

En 2019 a figura de Antonio Fraguas fíxose moi popular ao dedicarlle o Día das Letras Galegas e, agora, con este libro recóllese unha selección de escritos e traballos do autor publicados en revistas e actas de congresos dedicados exclusivamente ás terras de Cotobade ou con gran información sobre este punto do municipio.