O Memorial Ricardo Portela conclúe coa homenaxe a Basilio Carril

Pontevedra
10 de xullo 2016

Durante a xornada do sábado mantívose aberta a mostra de instrumentos artesanais na praza da Ferrería e desenvolvéronse diferentes actividades musicais no centro histórico

XVII Memorial Ricardo Portela
XVII Memorial Ricardo Portela / Diego Torrado

A actuación de Os Carunchos na praza da Ferrería cunha homenaxe ao gaiteiro Basilio Carril supuxo o broche de ouro a unha nova edición do Memorial Ricardo Portela, que se celebrou durante o venres e o sábado polas rúas de Pontevedra.

A figura de Basilio Carril alcanza fama internacional. O músico naceu en Arzúa, en 1914 e en Santiago de Compostela mantivo o taller de construción de instrumentos artesanais do seu pai. Moitas das pezas elaboradas nese espazo atópanse expostas en museos de todo o mundo.

Ademais, Basilio Carril formou parte do grupo Cantigas e Agarimos, onde exerceu o papel de gaiteiro principal. Con este grupo viaxou por toda Europa e América Latina nas décadas dos 60 e dos 70.

Con este acto de recoñecemento á súa figura finalizaba o XVII Memorial Ricardo Portela, que ofreceu unha mostra con diversos postos na Ferrería de instrumentos artesanais, acompañada por diversas actuacións musicais polo centro histórico.