O milagre sucedido en Caldas de Reis que recolleu Alfonso X O Sabio

Umia
24 de marzo 2022

O Concello inicia este venres unha serie de actividades para divulgar e poñer en valor a Cantiga de Santa María 104 do rei Alfonso X, que narra un milagre sucedido en Caldas de Reis

Igrexa de Santa María, en Caldas de Reis
Igrexa de Santa María, en Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

O Concello inicia este venres unha serie de actividades para divulgar e poñer en valor a Cantiga de Santa María 104 do rei Alfonso X, que narra un milagre sucedido en Caldas de Reis.

O profesor Miguel Fariña, impartirá este venres ás 20 horas unha conferencia no Auditorio Municipal sobre "A Música medieval no Camiño de Santiago: Caldas de Reis nas Cantigas de Alfonso X o Sabio". 

O caldense Miguel Fariña entrou en contacto coa música medieval en 1979 formando parte do Grupo Universitario de Cámara da Universidade de Santiago de Compostela, e en 1993 fundou con Fernando Olbés o Grupo Martín Códax, de grande traxectoria musical e que aínda hoxe está en activo. Foi profesor de Historia da Música do Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela, do que tamén foi director.

O Concello de Caldas de Reis incorporouse recentemente na "Comisión de Pueblos y Ciudades Alfonsíes" creada pola Federación Española de Municipios e Provinciasl (FEMP) con motivo do oitavo centenario do nacemento do rei Alfonso X.

A través desta comisión o Concello pretende dar a coñecer o vínculo de Caldas de Reis coas Cantigas de Santa María e divulgar a Cantiga 104 entre a veciñanza, os visitantes e os peregrinos.

A concelleira de Cultura, María López, destaca que con esta iniciativa "queremos dar a coñecer un patrimonio literario, musical e pictórico moi importante de Caldas de Reis pero pouco coñecido ata agora, e a conferencia de mañá é unha grande oportunidade para achegarnos a esta obra".