O Museo busca nova imaxe e quere fomentar ligazóns co Camiño Portugués

Pontevedra
27 de xaneiro 2020

O Consello asesor do Museo de Pontevedra mantivo o seu primeiro encontro desde a súa constitución. A xuntanza celebrouse no edificio da rúa Pasantería e acordouse abrir un concurso de deseño para crear un novo logo e unha imaxe corporativa da institución museística

Consello asesor do Museo, primeira xuntanza
Consello asesor do Museo, primeira xuntanza / Cristina Saiz

Primeira reunión do Consello Asesor do Museo de Pontevedra con numerosas ideas enriba da mesa. A cita celebrábase no edificio situado na rúa Pasantería cos sete integrantes, o director do Museo José Manuel Rey e co vicepresidente César Mosquera.

"O pasado, pasado está", apuntaba Mosquera nun receso ao longo da mañá deste luns, para afirmar que todos os asistentes coincidiron na necesidade de desenvolver un cambio moi profundo ao funcionamento do Museo para darlle un novo impulso.

Neste sentido, quérense buscar sinerxias co Camiño Portugués a Santiago. A intención, explicaba o vicepresidente provincial, é abrirse á sociedade e aproveitar o auxe do funcionamento do Camiño. José Manuel Rey, director do Museo, indicaba que é necesario traballar a idea para relacionar Pontevedra como área de paso cultural dun traxecto que mesmo leva trazas de superar ao Camiño Francés.  "Hai que aproveitar esa oportunidade", apuntou.

CAMBIO DE IMAXE CORPORATIVA

Tamén se decidiu de maneira unánime, segundo explicaba César Mosquera, en crear unha imaxe corporativa cun logo e un novo impulso na comunicación sobre os eventos. Segundo explicou, a intención é poñer en marcha un concurso de ideas para profesionais do deseño e da comunicación para que na primavera póidase contar cunha imaxe que substitúa ao debuxo que se estaba empregando ata o de agora como icona do Museo de Pontevedra.

Rey tamén insistiu na idea de que a institución tome unha liña de traballo máis social. Ao longo da segunda parte da reunión estaba previsto tratar tamén a reforma dos edificios históricos, da programación cultural e do orzamento.