O Museo de Marín exporá creacións de Manuel Torres asociadas co Nadal

Marín
27 de novembro 2020

A concelleira Itziar Álvarez anuncia que o Museo Manuel Torres está a preparar unha exposición temática do pintor máis afamado do concello de Marín sobre as súas creacións asociadas co Nadal

Boceto do pintor de Marín, Manuel Torres
Boceto do pintor de Marín, Manuel Torres / Concello de Marín

O Museo Manuel Torres está a preparar unha exposición temática do pintor máis afamado do concello de Marín sobre as súas creacións asociadas co Nadal.

"A partir do 1 de decembro poderemos ver oito bocetos, algúns sobre papel branco e outros sobre papel de xornal, nos que Torres pintou motivos bíblicos relacionados co Nadal", explica a concelleira Itziar Álvarez.

Ademais, tamén se exporá un exemplar dun número especial do xornal El Pueblo, do ano 1943, que ten portada de Lugrís e no que Torres colaborou, desta vez usando as palabras, cun relato de Nadal.

O Ano Torres aínda seguirá conmemorándose no 2021, dado que moitas das actividades previstas para este ano non se puideron levar a cabo debido á situación sanitaria.

O propio 2020 terá un peche de ouro coa exposición ao público do cadro restaurado polo Concello, inédito até o momento, que Torres pintou durante a pandemia de 1918 e que supón unha reprodución da pintura "Los niños comiendo pasteles", de Murillo.