O Museo quere chamar a atención sobre a protección do patrimonio cunha mostra sobre arqueoloxía

Pontevedra
18 de decembro 2014

A mostra desprazarase posteriormente a Cambados, Lalín e Vilagarcía. Recolle 60 fotografías do traballo científico que investigadores do Incipit desenvolven en varios puntos do mundo

Presentación da mostra "60 fiestras abertas"
Presentación da mostra "60 fiestras abertas" /

A sala de exposicións temporais do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá desde este venres "60 fiestras abertas" desde as que ollar a diversidade cultural e patrimonial da humanidade, partindo para iso das investigacións arqueolóxicas realizadas por investigadores do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), pertencente ao Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

A mostra abrirá ao público o venres 19 ás 20,00 horas e se poderá visitar ata o 18 de xaneiro. Posteriormente, a exposición rotará por outras tres localidades pontevedresas: Lalín, Cambados e Vilagarcía.

A mostra consta de 60 fotografías que ilustran o día a día das investigacións científicas en arqueoloxía e etnoarqueoloxía realizadas polos investigadores do Incipit en seis proxectos realizados fóra de Europa.

A través das imaxes, o visitante poderá adentrarse no coñecemento de novas culturas e evolucións sociais, afondando na riqueza patrimonial de pobos como Mongolia, Chile, Uruguai, Guinea Ecuatorial, Costa Rica, Perú, Xordania, Turquía e Etiopía.

A mostra complétase cunha serie de conferencias coas que se afonda no contido dos proxectos realizados e nos coñecementos que delas podemos obter. As charlas correran a cargo de Felipe Criado Boado, director do Incipit; Alfredo González Ruibal e  César Parcero Oubiña, científicos titulares do CSIC no Incipit.

COLABORACIÿN COA DEPUTACIÿN

A deputada Ana Isabel Vázquez Reboredo subliñou que se trata dunha mostra que enlaza en gran medida coa aposta que a Deputación está a facer pola protección e posta en valor do patrimonio da provincia e, especialmente, co plan de recuperación dos castros.

De feito, os propios investigadores do Incipit colaboraron coa institución provincial nos traballos de escavación e estudo do castro de A Lanzada e de Besomaño.

Neste sentido, Vázquez Reboredo incidiu en que a mostra que agora se expón é unha forma máis de "centrar a atención sobre a protección do patrimonio a nivel mundial".