O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera anunciou que o Museo rehabilitará os históricos edificios de García Flórez e Castro Monteagudo pero apraza a conexión subterránea destes inmobles da praza da Leña co edificio Fernández López.
A decisión de adoptou este mércores nunha reunión "monográfica, longa e intensa" do Consello Asesor do Museo que tamén acordou suspender a construción dun edificio para Arqueoloxía en Valdecorvos.
Segundo explicou César Mosquera este "replantexamento" dos proxectos en marcha débese a dúas cuestións, en primeiro lugar a compra do convento de Santa Clara por parte do Concello de Pontevedra coa intención de cedelo para que forme parte dos edificios do Museo.
E o segundo motivo é a falta de "implicación" económica por parte da Xunta e do Estado que limita as posibilidades de investimento. "Non temos ningunha garantía de que haxa colaboración doutras administracións", engadiu.
O vicepresidente provincial indicou que o Consello Asesor considera "estratéxico" que Santa Clara pase a formar parte da institución cultural, o que supoñerá sumar 5.427 metros cadrados de superficie, segundo as estimacións iniciais coas que traballa a Deputación. "Abre unhas posibilidades enormes", dixo Mosquera mentres que a reforma proxectada nos edificios históricos tan só sumaría preto 2.000 metros nos tres edificios.
Agora a Deputación traballa nun proxecto de rehabilitación por fases dos antigos edificios do Museo. Empezando coa recuperación urxente" do García Flórez e do Castro Monteagudo e deixando proxectada a construción dos polémicos sotos.
A folla de ruta a seguir agora será avanzar na rehabilitación nunha primeira fase de conexión entre o García Flórez e o Castro de Monteagudo, deixando para unha segunda fase a posibilidade de unión mediante un grande soto co Fernández López.
Nos próximos días manterase unha reunión co departamento de Patrimonio, presentarase un proxecto para as conexións verticais dos dous inmobles e realizarase o estudo das catas arqueolóxicas para realizar o proxecto final da primeira conexión.
Ao tempo, continuarase na aprobación da modificación do Peprica, que terá o visto bo inicial previsiblemente en dúas semanas, e pedirase a licencia de obra.
Sobre o destino destes dous inmobles orixinais do Museo, César Mosquera adiantou que o Castro Monteagudo acondicionarase como espazo didáctico, e o García Flórez "en principio manterase en reserva para algunha exposición puntual", pechadas en si mesmas e que non precisen relación ou continuidade co resto das coleccións do Museo.
"Seguro que é caro porque é unha rehabilitación complexísima", recoñeceu o vicepresidente da Deputación de Pontevedra que espera poder empezar cos traballos "se pode ser, este ano".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.