O Museo retoma o seu programa de visitas comentadas

Pontevedra
21 de setembro 2016

"Achégate ao Sexto" e "A Ruta do Museo" volverán a activarse a partires do sábado 1 de outubro

Inauguración da exposición  'Saúde e Terra, irmá(n)s!' sobre a Irmandade da Fala, no edificio Sarmiento
Inauguración da exposición 'Saúde e Terra, irmá(n)s!' sobre a Irmandade da Fala, no edificio Sarmiento / Mónica Patxot

Esta tarde tivo lugar a primeira das visitas comentadas á exposición "Saúde e Terra, irmá(n)s", mostra coa que se conmemora o centenario da fundación das Irmandades da Fala. Estas visitas guiadas terán lugar os mércores e venres -ás 18:00 ambos días- e para participar non se precisa inscrición previa. Esta mostra poderá verse no claustro do Edificio Sarmiento ata o 2 de outubro.

A partires do sábado 1 de outubro e ata o 28 de maio do vindeiro ano volverá activarse, ademais, o programa habitual de visitas guiadas que pon en marcha o Museo. Baixo o nome xenérico de "Vén coñecer o Museo" realízase "A Ruta do Museo" e "Achégate ao Sexto", ambas gratuítas.

"A Ruta do Museo" terá lugar todos os sábados ás 11:30, ten unha duración de 90 minutos, e precisa inscrición previa no enderezo electrónico habitual do gabinete didáctico e no teléfono 986 804 100, extensión 42413-. O punto de encontro son as Ruínas de San Domingos e inclúe un percorrido polos seis edificios que compoñen o Museo para facilitar unha aproximacións ás súas coleccións.

Pola súa banda, "Achégate ao Sexto" consiste nun percorrido comentado tanto pola arquitectura como polas coleccións que custodia o edificio máis recente do Museo. Terán lugar os domingos ás 11:30, tamén ten unha duración de 90 minutos, e non precisa inscrición. O punto de encontro é no propio Sexto Edificio.