O Museo Torres de Marín acolle unha mostra das portas artísticas de María Sancho

Marín
16 de decembro 2020

A exposición das láminas que forman parte do almanaque de 'Portas de Marín', que creou a experta en caligrafía artística e pintura, María Sancho, pode verse na entrada do Museo Manuel Torres de Marín e supón unha viaxe por distintos espazos da vila mariñeira nos que se atopan esas portas emblemáticas

As concelleiras Itziar Álvarez e Beatriz Rodríguez visitan a mostra xunto á artista María Sancho Concello de Marín

Este martes abría ao público a exposición das láminas que forman parte do almanaque de 'Portas de Marín' que creou a experta en caligrafía artística e pintura, María Sancho.

A mostra pode verse na entrada do Museo Manuel Torres de Marín e supón unha viaxe por distintos espazos da vila mariñeira nos que se atopan esas portas emblemáticas ou que, segundo palabras da autora, "forman parte das miñas lembranzas da infancia, da miña adolescencia, madurez e, á vez, que foron testemuñas da memoria dun pobo, conformando un precioso patrimonio".

Precisamente coa intención de converter esa creación dun patrimonio común nunha realidade, o Concello impulsará a explicación de cada unha destas historias que esconden as portas mes a mes.

De feito, a artista abre o correo electrónico laspuertasdemarin@gmail.com para que todos aqueles que coñezan anécdotas e historias interesantes sobre esas localizacións poidan facer as súas achegas escribíndolle, de tal xeito que se reconstrúa colectivamente a tradición que esconden detrás.

As concelleiras Itziar Álvarez e Beatriz Rodríguez visitaban a mostra na compaña da propia artista.