O Museo de Pontevedra recibiu máis de 250 respostas á súa iniciativa impulsada nas redes sociais de Instagram e Facebook para seleccionar entre catro obras de Castelao a que se converterá en imaxe das postais da institución para promoción turística.
Segundo indican desde o Museo, as preferencias dos seguidores foron bastante equilibradas pero destacou a finalmente seleccionada: 'O neno das piñas', unha obra que recolle o sentimento do autor tan vinculado a Pontevedra, que deixou escrito: "vale máis unha terra con árbores nos montes, que un Estado con ouro nos bancos".
Desde o Museo tamén lembran que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, cando vivía exiliado en Buenos Aires, comentoulle a un paisano que viaxaba a Galicia: "chegando, procuras un pino e daslle por min unha aperta e un bico".
A imaxe recolle esa unión sentimental e afectiva entre un neno e un das árbores máis características do país como símbolo de amor á terra.
Desde o Museo sinalan que se recolleron respostas de diferentes creadores con argumentacións "que nos emocionaron". A obra orixinal atópase nunha das salas dedicadas ao autor de Rianxo no Edificio Castelao do Museo Provincial.