Opoñerse á extinción é o nome do cuarto disco da cantante coruñesa María Xosé Silvar, coñecida artisticamente como Sés. Con este traballo recentemente saído ao mercado chegará de novo a Pontevedra, cidade que parece terse convertido nunha segunda casa para ela. Actuará no Pazo da Cultura o próximo 11 de febreiro, a partir das nove da noite.
En Opoñerse á extinción Sés sigue sendo pura forza, inconformismo e paixón. Nel, continúa a liña do seu inconfundible estilo que a levou a converterse na artista máis relevante do país nos últimos anos e nun auténtico fenómeno social que non deixa de medrar.
Así o vén demostrando cada vez que actúa na cidade do Lérez, a última vez nas Festas da Peregrina de 2015.
Sés é unha cantautora que viste as súas cancións de blues, rock e sons latinoamericanos, acompañados dunhas letras de marcado carácter reivindicativo contra case todo o establecido.
E este cuarto disco presenta novas composicións e diferentes temáticas nas que fai unha demostración da gran voz que posúe, cunha onda ecléctica que vai do rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana, pero atrevéndose desta volta con novas sonoridades e deixando máis espazo para a cantareira que hai no seu interior.
As entradas para este concerto xa están á venda a través de Ticketea, a un prezo de doce euros.