O Outlet do libro galego ofrece 1.200 títulos durante oito días no Café Moderno

Pontevedra
18 de abril 2013

Do 20 ao 28 de abril, 17 editoriais galegas ofrece unha segunda oportunidade a libros de calidade con prezos económicos. Na edición do ano pasado vendéronse máis de 5.000 exemplares

A idea de que Pontevedra sexa un referente como cidade de lectura encontra outra baza ao seu favor coa organización da segunda edición do outlet do libro galego. O Café Moderno converterase no escenario cultural que acolla a 17 editoriais autonómicas que presentarán máis de 1.200 títulos durante oito días.

Segundo sinalou durante a presentación Manuel Bragado, presidente da Asociación galega de Editores, o obxectivo é ofrecer unha "segunda oportunidade" a aqueles libros de calidade que pasaron desapercibidos no seu lanzamento. Os prezos para adquirilos serán económicos. Un libro terá o prezo de 3 euros, dous libros poderanse adquirir por 5 euros e por 10 euros, calquera lector poderá levarse cinco exemplares.

Na primeira edición, celebrada en 2012 lográronse vender 5.000 libros. Manuel Bragado agradeceu a colaboración das librarías Paz e Seijas da cidade e apuntou cara á necesidade de que o editoriais e libreiros desenvolvan este tipo de iniciativas para facer fronte ás dificultades que leva consigo a crise para o sector literario.

O "Outlet do Libro galego" será do 20 ao 28 de abril coincidindo, ademais, coa celebración do Día do Libro.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora