O Pazo da Cultura retoma a súa oferta teatral cun Josep María Pou convertido en Cicerón

Pontevedra
25 de setembro 2019

Tras o verán, volve a tempada teatral do Pazo da Cultura de Pontevedra. Será este venres 27 de setembro, a partir das nove da noite, coa representación da obra Viejo amigo Cicerón, protagonizada polo veterano actor catalán Josep María Pou

Escena da obra "Viejo amigo Cicerón"
Escena da obra "Viejo amigo Cicerón" / Pazo da Cultura

Tras o verán, volve a tempada teatral do Pazo da Cultura de Pontevedra. Será este venres 27 de setembro, a partir das nove da noite, coa representación da obra Viejo amigo Cicerón, protagonizada polo veterano actor catalán Josep María Pou.

Neste espectáculo, que chega á cidade baixo a dirección de Mario Gas, Josep María Pou ponse na pel dun Cicerón consumido polo seu desexo de inmortalidade e o seu anhelo de marcar a posteridade coa súa traxectoria vital.

O aspecto familiar e cotián atópase co pensamento político e filosófico nesta peza de nova creación, que ofrece unha profunda reflexión dramática sobre a realidade política, social e cultural da historia universal.

Bernat Quintana e Miranda Gas acompañan ao actor neste xogo metateatral sobre a figura do pensador, un cidadán comprometido, consciente dos seus propios erros e ávido defensor da honestidade e a integridade moral.

A obra convida á reflexión sobre a ética, a moral, a xustiza ou a convivencia mediante a guía do célebre orador Cicerón, unha das figuras fundamentais da política e o pensamento da Antiga Roma, que mantivo a coherencia das súas conviccións políticas en circunstancias adversas. 

Viejo amigo Cicerón sitúa ao espectador na Antiga Roma, nunha etapa da que a sociedade actual é herdeira, para descubrir a un Cicerón humano, un intelectual que analizou as diferentes dimensións da vida en sociedade dende a razón e o sentido común.

As entradas para o espectáculo están en venda anticipada en Ataquilla.com e a Casa da Luz a partir de 18 euros máis gastos. Tamén se poderán adquirir dúas horas antes na billeteira do Pazo da Cultura no caso de non esgotarse antes.