O Pazo Provincial acolle unha exposición divulgativa sobre a Ruta dos Fenicios

Pontevedra
22 de novembro 2018

A Deputación acolleu este xoves a reunión da Asemblea Estatal da Ruta dos Fenicios. Dentro das actividades complementarias que rodean a este encontro este xoves inaugurouse no vestíbulo do Pazo Provincial unha exposición divulgativa sobre dita ruta que se poderá visitar ata o vindeiro 15 de decembro

Inauguración da exposición "A ruta dos fenicios"
Inauguración da exposición "A ruta dos fenicios" / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra acolleu este xoves a reunión da Asemblea Estatal da Ruta dos Fenicios.

Este encontro arrancou cunha sesión de traballo na que só participaron os socios da ruta e alongarase ata mañá venres 23 de novembro, cando terá lugar un encontro aberto ao público no que realizaranse conferencias e mesas redondas sobre a ruta, sobre o programa de itinerarios culturais europeos do Consello de Europa e sobre rutas como a dos Íberos, o Camino de Anibal e a Ruta das Cassitérides.

Dentro das actividades complementarias que rodean a este encontro este xoves inaugurouse no vestíbulo do Pazo Provincial unha exposición divulgativa sobre dita ruta que se poderá visitar ata o vindeiro 15 de decembro.

A exposición está formada por un total de 13 paneis e consiste nunha mostra explicativa e introdutoria coa finalidade de achegar á poboación este itinerario cultural europeo tan complexo e con tantas potencialidades desde o punto de vista cultural e turístico.

Así na exposición están representadas, amais das Rías Baixas, Empúries, Palma, Eivissa, Castellón, Sagunto, Guardamar do Segura, Cartagena, Mazarrón, Galera, a Universidade de Xaén, Cuevas del Almanzora, Linares, Mengíbar, a Deputación de Xaén, Melilla, Baena, Chiclana e Cádiz.

Amais, a Deputación de Pontevedra organizou para as persoas asistentes a esta cita unha "comida fenicia" elaborada polo alumnado do centro Carlos Oroza cun menú que incluiu surtido de afumados, unha ensalada mediterránea, hummus con falafel e "Malfulf".

A Ruta dos Fenicios é un itinerario cultural internacional, recoñecido polo Consello de Europa, que atravesa 18 países e une tres continentes, conectando as grandes rutas marítimas empregadas pola civilización fenicia, un camiño para abastecerse de estaño na antigüidade e que podería non estar localizado nas illas británicas (como se pensaba ata o de agora) senón nas Rías Baixas.

A Deputación pertence a esta rede estatal tras ter descuberto restos fenicios e púnicos e documentalos nos xacementos de Monte do Castro (Ribadumia), A Lanzada (Sanxenxo), Monte do Facho (Cangas) e Punta do Muíño do Vento (Vigo), sendo o territorio máis meridional da ruta, ademais de ser o primeiro alleo ao Mediterráneo.