Poucas cidades poden presumir de contar cunha escena musical emerxente como a de Pontevedra. E este sábado, por primeira vez, reuniuse para premiar os mellores do ano. O Teatro Principal, que quedou pequeno para acoller o numeroso público que avalou esta iniciativa, acolleu a entrega da primeira edición dos galardóns PontevedraFerve, un evento, que quixo reivindicar a unidade dos músicos locais.
Os grandes triunfadores da gala, que estivo presentada por Chuvi, cantante de Champurrada, foron Vortex e Thee Blind Crows. Ambos os dous levaron á casa dous dos premios aos que optaban este ano. Pero sobre todo, Tractor Troy. Para eles foi o gran premio da noite, o mellor disco de 2014 en Pontevedra. O seu Perromandril impúxose a Confessions (Vortex), o disco homónimo de Skirl e a Primitive loud blues (Thee Blind Crows).
O palmarés da I edición dos premios PontevedraFerve é o seguinte:
- Mellor disco: Perromandril, de Tractor Troy
- Mellor single: Antes de nacer, de Jhonander
- Mellor directo: Vortex
- Mellor grupo de rock: Que desilusión!
- Mellor grupo de pop: La 4ª Pared
- Mellor grupo de rap: De buena tinta
- Mellor solista: Fátima Baña
- Mellor grupo de jazz, funk ou fusión: The Soul Breakers
- Mellor grupo de metal: Vortex
- Mellor videoclip: Leaving alone, de Thee Blind Crows
- Mellor deseño discográfico: Primitive loud blues, de Thee Blind Crows
En total, repartíronse once galardóns. A eles sumouse o premio honorífico que, nesta ocasión, recaeu na banda Dismal.
A gala incluíu ademais varias proxeccións audiovisuais e numerosas actuacións en directo. Correron a cargo dos nominados en cada unha das categorías que actuaron xuntos.