O pontevedrés Caco Refojo volve ser referente nos Grammy Latinos con 4 nominacións

Pontevedra
23 de setembro 2016

Por terceiro ano consecutivo, este enxeñeiro de son volve ser candidato a obter estes importantes premios internacionais. Xa en 2010 obtivera o Grammy na categoría de mellor gravación e mellor disco tropical tradicional polo disco de Concha Buika, El último trago. En 2015, o disco Entre 20 Aguas: A la Música de Paco de Lucía, no que traballou, tamén acadaba o Grammy ao mellor álbum de música falmenca

Caco Refojo no estudo de gravación
Caco Refojo no estudo de gravación / Caco Refojo

Os familiares de Caco Refojo comentan como é posible que este enxeñeiro de son que, anos atrás, xogaba na Ferrería sexa coñecido internacionalmente e que os seus éxitos apenas teñan repercusión nas Rías Baixas. E é que Caco Refojo volveuno a facer. Este ano conta con catro nomeamentos para os premios Grammy Latinos.

En 2010 gañaba un grammy na categoría de mellor gravación e mellor disco tropical tradicional polo disco de Concha Buika. En 2014 foi candidato ao Premio á "mellor enxeñería" polo traballo Promesas de terra de Javier Limón e en 2015 obtivo seis nomeamentos, logrando outro Grammy na súa participación no disco Entre 20 Aguas: A la música de Paco de Lucía, que obtiña o Grammy ao mellor álbum de música flamenca.

Na edición de 2016, o pontevedrés opta ás categorías de Mellor enxeñería de gravación para un álbum e tamén de Mellor álbum de música flamenca polo disco Magnética de María Toledo, como enxeñeiro de gravación, mestura e masterización; Mellor álbum de música flamenca co disco Doy la cara, de José Mercé no que traballa como enxeñeiro de mestura e masterización e Mellor álbum de pop contemporáneo en lingua portuguesa co disco Mundo de Mariza como enxeñeiro de masterización.

Caco móstrase moi satisfeito con este recoñecemento, xa que entende que é a recompensa a todas as horas dedicadas ao seu traballo. O que máis o alegra é que leva tres anos consecutivos nomeado a Mellor Enxeñería para un álbum, unha categoría que é o maior logro para un enxeñeiro de son.

Refojo afirma que foi un pracer traballar nestes discos. No álbum de José Mercé contou con grandes colaboracións entre as que se atopan Alejandro Sanz, Joaquín Sabina ou Calamaro. Tamén se mostra entusiasmado pola súa colaboración con Mariza, unha cantante de gran tirón en Portugal e apunta que a obra de María Toledo foi toda unha experiencia na que se involucrou de principio a fin cunha artista que se atopa en pleno auxe tanto no panorama nacional como internacional.

Pero este enxeñeiro de éxito non se detén na súa fulgurante carreira. Nestes momentos, traballa no próximo lanzamento discográfico dun dos artistas máis populares en España, Bertín Osborne. Acaba de finalizar o disco de Michel Camilo e Tomatito, que co título de Spain Forever sairá a principios de outubro á venda. Tamén se atopa inmerso en varios proxectos do produtor Javier Limón, co que traballa con frecuencia, ademais de ofrecer as súas habilidades sonoras ao novo single de Abraham Mateo e ao traballo do baterista do Ferrol, Miguel Lamas, que cualifica como un "discazo".

Mentres continúa cos seus traballos mantense á espera da entrega dos premios Grammy Latino, que levará a cabo o 17 de novembro nas Vegas.