O premio Otero Pedrayo galardona por primeira vez a unha muller, a xornalista Margarita Ledo

Pontevedra
05 de marzo 2018

A escritora e cineasta luguesa Margarita Ledo recibía este premio no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra durante este luns, coincidindo co 130 aniversario do nacemento de Otero Pedrayo

Entrega do premio Otero Pedrayo 2018 a Margarita Ledo
Entrega do premio Otero Pedrayo 2018 a Margarita Ledo / Mónica Patxot

Desde 1977 concédese o Premio Otero Pedrayo a aquelas personalidades que axudaran a difundir a cultura galega. Este luns entregábase no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra este galardón á escritora, xornalista e cineasta Margarita Ledo.

Trátase da primeira vez que unha muller recibe esta distinción e, neste caso, o xurado a través da escritora Fina Casalderrey destacou a coherencia das súas conviccións e a súa intelixencia, ademais do seu compromiso co país fomentando a cultura e á lingua galega

A intelectual galardoada destacou no seu discurso a calidade literaria de Otero Pedrayo e a influencia do escritor ourensán. Margarita Ledo ocupa o seu asento na Real Academia Galega. 

Margarita Ledo insistiu no seu discurso na necesidade de reivindicar o papel da muller para loitar contra as desigualdades en todos os terreos. Remarcou a necesidade de facer fronte aos mecanismos visibles e latentes que pretenden manter o desprezo cara ás mulleres. Pediu un xiro político colectivo para eliminar a violencia machista.

No acto interviñeron o deputado de Cultura Xosé Leal; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; a representante do xurado Fina Casalderrey e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que destacou a figura de Margarita Ledo como representante da "excelencia" de Galicia difundindo a imaxe do país no exterior.

Lamentou que o premio tardase 40 anos en recoñecer a traxectoria dunha muller e destacou a importancia de 2018 para facer visible o traballo de mulleres intelectuais como a profesora María Victoria Moreno e Xohana Torres.

O premio está dotado cunha contía económica de 16.000 euros e cunha escultura elaborada pola artista pontevedresa Elena Colmeiro.