A Rede Galega de Teatros e Auditorios achégalle ao público da cidade de Pontevedra sete espectáculos de teatro e danza ata o vindeiro mes de xuño. Esta Rede é un circuíto de espectáculos promovido pola Xunta en colaboración con 40 entidades locais das catro provincias.
O investimento público para a contratación das sete compañías profesionais galegas que levarán a cabo estas actuacións sitúase nos 44.000 euros, dos que a Consellería de Cultura, asume o 50% de acordo co convenio de colaboración que mantén co Concello pontevedrés.
En Pontevedra, a oferta da Rede arranca este xoves, ás 21,00 h. no Teatro Principal, con "Vox Populi", musical de Malasombra Producións que se atopa en pleno inicio da súa xira por Galicia.
Este mesmo escenario acollerá o día 9 outra recente estrea galega con Redrum Teatro e a súa versión da obra de Juan Mayorga "Hamelin", mentres que o 30 de marzo será a quenda de Talía Teatro con "Morte accidental dun anarquista", o 13 de abril actuará o creador e bailarín Javier Martín coa súa peza "Figuras do limiar", coproducida co Centro Coreográfico Galego, e o 20 dese mes chegará "Continente María", de Ainé Producións e "A Quinta do Cuadrante" en coprodución co Centro Dramático Galego.
O Pazo da Cultura recibirá, pola súa banda, a Fran Sieira Compañía de Danza con "DeMente" o 16 de abril e a Chévere con "N.E.V.E.R.M.O.R.E." o 2 de xuño.
Ademais do apoio ás devanditas coproducións de "Figuras do limiar" e "Continente María", a Xunta contribuíu á produción do resto dos espectáculos programados a través da súa convocatoria anual de subvencións á creación escénica.